miércoles. 26.11.2025

Darío Villanueva recibe en Madrid o Premio de Ensayo Amigos del País 2025 pola súa obra El atropello a la razón

O exreitor da USC e ex director da RAE, Darío Villanueva, recibiu en Madrid o Premio de Ensayo Amigos del País 2025 pola súa obra El atropello a la razón. O galardón, concedido por unanimidade, recoñece a súa defensa do legado ilustrado fronte aos desafíos intelectuais da posmodernidade.
O exreitor da USC e ex director da RAE, Darío Villanueva, durante o acto de entrega do Premio de Ensayo Amigos del País 2025.
O exreitor da USC e ex director da RAE, Darío Villanueva, durante o acto de entrega do Premio de Ensayo Amigos del País 2025.

O exreitor da Universidade de Santiago de Compostela, profesor emérito da súa Facultade de Filoloxía e ex director da Real Academia Española, Darío Villanueva, recibiu hoxe en Madrid o Premio de Ensayo Amigos del País 2025, que as Reales Sociedades Económicas de Amigos del País (RSEAPs) lle concederon por unanimidade na primeira edición do galardón. A distinción recoñece a súa obra El atropello a la razón, proposta pola Real Sociedade Económica de Santiago.

A entrega tivo lugar na sede da Real Sociedad Económica Matritense, no marco do Congreso Nacional das RSEAPs que se celebrou desde o pasado día 20. No encontro, o presidente da sociedade compostelá, Francisco Loimil, presentou a ponencia Ciencia, razón y sociedad: el legado de la Ilustración en el siglo XXI, na que defendeu que “reivindicar a Ilustración hoxe non é un acto de nostalxia, senón de responsabilidade”. Apostou por defender “a verdade fronte ao ruído, o diálogo fronte ao fanatismo e a razón fronte á manipulación emocional”, lembrando as palabras de Jovellanos sobre o deber dos gobernos coa ilustración pública.

Unha defensa da razón fronte á posmodernidade

Durante o acto, Villanueva reivindicou o legado da Ilustración como o movemento histórico que “fixo despertar o ser humano” e cimentou logros fundamentais como os dereitos humanos, o positivismo científico, a democracia liberal, a separación de poderes ou o feminismo. Con todo, amosou a súa preocupación pola “quebra da racionalidade” que, ao seu xuízo, caracteriza á época contemporánea marcada pola posmodernidade.

O profesor Darío Villanueva intervén tras recibir o Premio de Ensayo Amigos del País 2025 das Reales Sociedades Económicas.
O profesor Darío Villanueva intervén tras recibir o Premio de Ensayo Amigos del País 2025 das Reales Sociedades Económicas.

Segundo o ex director da RAE, a irrupción da “posverdade”, da intelixencia emocional como criterio superior e dos discursos que rexeitan os “grandes relatos” da modernidade derivou nunha sociedade “líquida”, vulnerable á manipulación e á fraude intelectual. Entre estes fenómenos inclúe a cancelación cultural, o sentimentalismo tóxico, o negacionismo, a deconstrución do linguaxe ou o abuso do concepto de apropiación cultural.

Villanueva recordou que en El atropello a la razón analiza con exemplos reais “o disparatado que pode chegar a ser o abandono da Razón” cando se converte nun estorbo para determinadas axendas sociais e políticas. Por iso apelou á necesidade dun “heroísmo da razón”, en liña coa advertencia de Edmund Husserl sobre a decadencia de Europa cando se afasta do seu sentido racional da vida.

O papel das Sociedades Económicas no legado ilustrado

O premiado destacou tamén a función histórica das Reales Sociedades Económicas de Amigos del País, que desde o século XVIII representan “o máis fecundo legado da sociedade civil” na preservación e difusión dos ideais ilustrados en España.

Antes da súa intervención, Loimil agradeceu que a candidatura de Villanueva fose aprobada por unanimidade e definiuno como “ante todo, un humanista”. Subliñou que o apoio total das RSEAPs reflicte “non só o valor intelectual e cívico do libro, senón tamén a sintonía do pensamento do autor cos ideais ilustrados que inspiran a institución desde a súa fundación”.

Darío Villanueva recibe en Madrid o Premio de Ensayo Amigos del País 2025 pola súa obra...
Comentarios