Cultura inxecta 870.000 euros en 25 compañías galegas para a creación de 30 novos espectáculos

Este investimento permitirá cofinanciar a produción de 30 novos espectáculos: 19 de teatro, sete de danza e catro de circo.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de resolver a concesión de 870.000 euros a 25 compañías galegas de artes escénicas, a través da súa liña anual de subvencións á creación. Este investimento permitirá cofinanciar a produción de 30 novos espectáculos: 19 de teatro, sete de danza e catro de circo.

Unha das novidades desta convocatoria é o incremento dun 8,7% na súa dotación con respecto a 2024, o que reforza a modalidade destinada a proxectos plurianuais de compañías consolidadas. Redrum Teatro, Talía Teatro e Pistacatro recibirán 100.000 euros cada unha para garantir a continuidade dos seus equipos e proxectos no trienio 2025-2027.

Novas compañías e nomes consolidados no panorama teatral

No listado de espectáculos teatrais subvencionados, figuran 15 títulos, dous deles de compañías de recente creación: Brazaletes, de Amorodio Teatro, e A cámara escura, de Vorágine Escénica. Tamén destacan nomes coñecidos como ButacaZero, De Ste Xeito Producciones, Ibuprofeno Teatro, Burla e Befa, Os Náufrafos Teatro, Sarabela Teatro e Teatro del Noroeste.

Completan o apartado teatral seis espectáculos para público familiar, incluíndo musicais e propostas de títeres de diversas compañías como Ártika Cía, Ainé, A Xanela do Maxín, Nauta Teatro, Teatro Escena e Títeres Cachirulo.

Sete propostas de danza subvencionadas

No ámbito da danza, apóianse sete propostas coreográficas, tres delas de novas compañías: Velaiquich, amooorch!, de Colectivo D´elas; Nortear, de Helena Salgueiro; e Unha non ten nome ata que o lembra, de Myriam González. Na modalidade específica para danza e artes do movemento, as beneficiarias son Furia Sotelo, Laboratorio Escénico, Teatro Ensalle e VACAburra.

Esta convocatoria para a creación escénica é a principal liña de subvencións da Consellería ao sector profesional das artes escénicas, que en 2025 conta tamén con outras axudas para salas privadas, festivais, distribución de espectáculos e contratación de compañías galegas a través do programa Cultura no Camiño.