domingo. 09.11.2025

Conversa sobre o futuro da seguridade e defensa europea no Ateneo

Este xoves, 19 de xuño, ás 19:30h, o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Asociación Federalista de Galicia, acolle unha nova sesión do seu Seminario Europa. A xornada centrarase nunha conversa sobre o «Presente e futuro da seguridade e da defensa europea», que contará coa presenza de José Julio Fernández Rodríguez, actual director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG).
José Julio Fernández Rodríguez.
José Julio Fernández Rodríguez.

Este xoves, 19 de xuño, ás 19:30h, o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Asociación Federalista de Galicia, acollerá unha nova sesión do Seminario Europa. Baixo o título «Presente e futuro da seguridade e da defensa europea», o encontro contará coa participación de José Julio Fernández Rodríguez, director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG).

A cita terá lugar no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo (Praza de Salvador Parga, 4-2º) e será presentada por Cristina Ares Castro-Conde, profesora de Política da Unión Europea da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Durante a intervención, abordarase a recente evolución das políticas comúns de defensa e seguridade no contexto europeo, analizando a súa complexidade xurídica e institucional, así como os desafíos que enfronta a Unión Europea nun escenario xeopolítico cada vez máis tenso. Tamén se afondará na interdependencia entre seguridade, dereitos fundamentais e comunicación, e no papel crucial que desempeñan os estados membros e as institucións comúns na construción dunha defensa europea autónoma, eficaz e aliñada cos valores democráticos.


Un experto de referencia en seguridade e defensa

José Julio Fernández Rodríguez é Catedrático de Dereito Constitucional na USC e un dos principais especialistas galegos en políticas de seguridade. A súa traxectoria profesional inclúe cargos como Valedor do Pobo e delegado de protección de datos da USC. Actualmente, lidera o Centro de Estudos de Seguridade (CESEG).

Cunha formación multidisciplinar que abarca Dereito, Ciencia Política, Xornalismo e Comunicación Audiovisual, Fernández Rodríguez conta con máis de 200 publicacións científicas e participou como experto en diversos proxectos internacionais de cooperación xurídica. Entre os seus recoñecementos máis destacados figura a Cruz ao Mérito Naval do Reino de España.


Conversa sobre o futuro da seguridade e defensa europea no Ateneo
Comentarios