sábado. 04.05.2024

Eurocidade Tui-Valença, 14 de setembro.- O MUMI chega á súa 4ª edición co obxectivo de seguir construíndo novas e mellores formas de traballar pola música en vivo. Con ese propósito, a feira presenta un bo feixe de novidades como a colaboración coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa, que abre as nosas músicas ao mercado internacional; ou o Espazo Loja destinado á promoción dos traballos publicados polas editoras musicais.
 
Do 21 ao 24 de setembro, a eurocidade Tui-Valença volverá vibrar cun Encontro  Profesional de Músicas que prevé acoller a máis de 200 profesionais da industria musical galega e portuguesa para presentarlles propostas artísticas nas que se mesturan os novos traballos de proxectos consolidados coa vibrante nova escena musical que está agromando. Un  total de 20 bandas e artistas que abrazan a diversidade estilística e que comparten en moitos casos un sustrato onde as músicas de raíz son a fonte da que beber. Unha selección de moitísima calidade onde estarán representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios.
 
  CONCERTO ESPECIAL DE APERTURA
O xoves 21, ás 20:30, o Teatro Muncipal de Tui acollerá un espectáculo creado ad hoc para a apertura do encontro, que vai rendir homenaxe ás músicas de raíz nun concepto no que se abrazan as músicas de unha e outra beira do Atlántico. Desde Brasil, Destino do Clã reúne aos músicos Nanan, Gustavito e Luizga, imbuídos da inluencia das culturas indíxenas e a ancestralidade suramericana, que eles recrean en cancións e arranxos que reverencian este rico territorio de coñecemento e sabedoría. Desde Portugal, O Gajo presenta o encontro de João Morades coa Viola Campaniça, un instrumento de raíz tradicional portuguesa co que explora novos territorios sonoros e ao que se une o Grupo As Sanfonas da Ponte Vella. E desde Galiza, Encaixe completará a proposta artística do concerto de apertura  achegando as voces de 18 cantantes que propoñen un novo concepto de coro, recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2018 a mellor proxecto de música vocal, e desde onde fan unha aposta forte pola música galega contemporánea, con versións vocais de grupos como Marful, Narf ou Malandrómeda, e tamén pola música lusófona, con versións do Zeca Afonso ou Djavan, entre outros. Tres propostas artísticas de Portugal, Galiza e Brasil que ensamblarán as súas músicas para ofrecer ao público un espectáculo ao vivo irrepetible que supón toda unha declaración de intencións do traballo que pretende desenvolver a feira. O acceso a este concerto será libre ata completar aforo.
 
PRPGRAMA DE SHOWCASES

Despois dun duro proceso de selección entre 244 propostas artísticas candidatadas para os showcases, o MUMI seleccionou 14 nomes de Galiza e Portugal para amosar ao público, profesional e tamén xeral, o interesante abano de músicas que conviven na escena actual. Galiza presentará os directos de Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura e Xurxo Fernándes; mentres Portugal achegará as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta. Desde a equipa organizativa destacan que “a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2023, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa”. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o pop, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presencia moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, e que felizmente non deixan agromar. Un total de catorce propostas de bandas e artistas cunha traxectoria consolidada, respaldadas por axencias profesionais, que xa están funcionando moi ben nos seus territorios e queren abrirse a outros mercados, o que desde a equipa organizadora do MUMI valoran como “un feito que demostra a solidez da escena e a necesidade da industria musical de contar cun espazo como o MUMI”. Ao programa de showcases, sumaranse as propostas de Dj Gaiteirinho e Dj Ábrete de Orellas no ESPAZO OFF na noite do venres e o sábado respectivamente. E o domingo ao mediodía, os Gaiteiros da Ponte Velha e a banda Gooze presentarán as súas propostas nunha sesión de música aberta ao público xeral dentro da Fortaleça de Valença.
 

Conta atrás para a 4ª edición do MUMI
Comentarios