O Círculo Recreativo Cultural do Porriño galardonado co Premio Antonio Palacios ao Compromiso Social

Escadarias de encontros e sorrisos! A vitalidade do Círculo Recreativo Cultural reflete-se na sua gente.
O Círculo Recreativo Cultural (CRC) do Porriño recibirá este sábado o Premio Antonio Palacios ao Compromiso Social. Este galardón recoñece a súa incansable labor no fomento da cultura e a cohesión comunitaria no municipio.

O Concello do Porriño vén de anunciar o segundo dos cinco galardóns que serán entregados na II edición dos Premios Antonio Palacios este sábado. O recoñecemento na categoría de Premio ao Compromiso Social recaeu este ano no Círculo Recreativo Cultural (CRC), en virtude da súa dilatada e influente traxectoria no ámbito social e cultural do municipio.

Este galardón pon en valor o papel fundamental do CRC como un espazo de encontro, dinamización e fomento da participación cidadá. Ao longo dos anos, a entidade consolidouse como un piar na promoción do lecer, a cohesión comunitaria e o fomento de valores como a colaboración, a solidariedade e o servizo á comunidade, converténdoa nunha merecida gañadora.

O Premio Antonio Palacios ao Compromiso Social busca distinguir a persoas ou entidades que, a través do seu labor desinteresado, contribúen significativamente ao ben común, fortalecendo o tecido social e mellorando a calidade de vida no Porriño.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo subliñar a importancia do CRC na vida local e expresar o seu profundo agradecemento: "Todos no Porriño temos algún recordo ligado ao CRC. É moito máis ca unha entidade cultural: é unha parte da nosa historia e do noso día a día. Levan anos abrindo as portas á veciñanza, creando comunidade e facendo barrio. Este premio é unha maneira de dicirlles grazas, de corazón, polo que representan para todos nós.”

A gala de entrega da II edición dos Premios Antonio Palacios terá lugar este sábado e reunirá a destacadas personalidades do mundo da cultura, a empresa, o deporte e a sociedade civil, ademais de representantes da comunidade local.

O Concello do Porriño anunciará nos vindeiros días os nomes dos restantes galardoados, reafirmando así o seu compromiso coa posta en valor do talento, a identidade e o orgullo porriñés.