A Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, máis coñecida como Vendaval, regresa na súa segunda edición para empapar a zona coa mellor cinematografía lusa. Do 20 ao 24 de agosto, varios concellos da Ribeira Sacra acollerán unha completa programación que inclúe 17 filmes (5 longametraxes e 12 curtametraxes), 2 concertos e outras actividades como obradoiros infantís, sesións de ioga e observación de estrelas.
Baixo o lema "Tan cerca, tan lonxe", esta edición ten como eixo central a exploración das distancias a través das viaxes. O punto de partida é o filme "Grand Tour" de Miguel Gomes, un fito no cinema portugués que gañou o Premio á Mellor Realización no Festival de Cannes de 2024. A historia de Molly, que segue o rastro do seu prometido por Asia, servirá de inspiración para toda a mostra.
Un percorrido de filmes e actividades pola Ribeira Sacra
A programación comeza o mércores 20 de agosto en Sober, cunha sesión de curtametraxes de animación ao aire libre na praza do Toural. Destaca a presenza do realizador João Gonzalez, nomeado aos Óscar por "Ice Merchants", que presentará dous dos seus filmes e compartirá co público.
O xoves 21 a mostra trasládase a Sarria (A Palleira, Manán), onde se proxectará "Hanami", dirixida por Denise Fernandes e filmada en Cabo Verde. A película aborda a disxuntiva entre emigrar ou quedarse, un tema que tamén explora o realizador galego Iván Castiñeiras Gallego no seu filme "Deuses de Pedra", que se proxectará en Bóveda.
Precisamente en Bóveda, no Centro Sociocultural, comeza a programación de fin de semana, o venres 22, coa proxección de "À Procura da Estrela", coa presenza do seu director, o vigués Carlos Martínez-Peñalver Mas. A película, que segue os pasos dun fonografista na Serra da Estrela, dará pé a unha sesión de observación de estrelas co astrónomo Francisco J. García.
O resto da programación terá lugar na Casa da Memoria, en Xullán (Bóveda), espazo onde ademais de "Grand Tour" e "Deuses de Pedra", se proxectará "Nayola", de José Miguel Ribeiro. O filme de animación sobre a guerra civil en Angola servirá de antesala para un Dj Set de Rita Maia e a actuación da rapeira Meduza.
O sábado 23 repítese a sesión de curtas de animación e o domingo 24 haberá unha sesión con catro curtas documentais e de ficción, que contará coa presenza do actor e realizador Miguel Nunes e o crítico galego Martin Pawley.
Música, tradición e outras sorpresas
Ademais do cinema, o festival Vendaval ofrece un amplo abano de actividades. O domingo haberá unha actuación do grupo Colmeia, un colectivo de Coimbra que busca preservar a cultura popular portuguesa a través da música tradicional.
Para os asistentes, haberá a posibilidade de acampar de forma gratuíta na Casa da Memoria, onde tamén se impartirán clases de ioga e haberá obradoiros infantís. A mostra conta cun bar con diferentes comidas e bebidas portuguesas, ademais de merchandising artesanal.
O festival é un proxecto que busca divulgar a cinematografía portuguesa e fomentar o intercambio transfronteirizo. Naceu do traballo conxunto entre a produtora Tamara González e a Asociación A Memoria é Náufraga, coa finalidade de levar a cultura portuguesa á Ribeira Sacra e poñer en valor o patrimonio cultural.
O Vendaval - Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra é unha iniciativa posible grazas ao apoio da Deputación de Lugo, o Instituto Camões de Vigo e o Concello de Sober, xunto coa colaboración do Concello de Bóveda e diferentes empresas e negocios locais.
