lunes. 03.11.2025

Este martes, 3 de xuño, ás 19.00h, o Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4-2º) acollerá unha nova sesión do ciclo «O cine francés do século XXI», promovido polo Cineclub Ateneo. Nesta ocasión proxectarase o filme Frantz (2016), dirixido por François Ozon.

A actividade contará cunha presentación e coloquio a cargo de Rosa Rodríguez Porto, profesora da USC e especialista en Historia da Arte.

Ambientada na posguerra da Primeira Guerra Mundial, Frantz propón unha delicada reflexión sobre a perda, o perdón e as feridas que permanecen tras os conflitos bélicos. A historia comeza cando Anna, unha moza alemá que perdeu o seu prometido na fronte francesa, atopa na tumba deste a un visitante inesperado: Adrien, un misterioso francés que tamén lle rende homenaxe. A presenza deste estranxeiro remexerá emocións e certezas nunha sociedade golpeada pola derrota e o resentimento.

A encargada de guiar a análise do filme será Rosa Rodríguez Porto, investigadora Ramón y Cajal na USC e membro do grupo SÍNCRISIS. Ademais do seu labor en Santiago, exerce como profesora asociada na University of Southern Denmark e forma parte do prestixioso Centre for Medieval Literature. Cunha sólida traxectoria internacional nos estudos medievais e visuais, Rodríguez Porto achegará ao público unha lectura crítica da película dende a perspectiva da arte e a representación da memoria histórica.

O Cineclub Ateneo proxecta 'Frantz' e analiza a memoria da Primeira Guerra Mundial
Comentarios