lunes. 20.05.2024

Cidade da Cultura, 10 anos do museo

Conmemórase os dez primeiros anos do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura lanzando un programa especial de visitas comentadas. O percorrido, que levará aos participantes a espazos restrinxidos ao público, permitirá afondar na complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman e comprender o funcionamento deste sofisticado equipamento, preparado para acoller exposicións de grande formato, así como propostas culturais e eventos de natureza moi diversa (como por exemplo concertos ou espectáculos escénicos).
Gaias
Gaias

Esta actividade, que esixe medidas especiais de seguridade para desenvolverse e conta co patrocinio de Viaqua, organizarase en grupos dun máximo de 10 persoas e terá lugar só durante tres semanas deste ano: na Semana Santa (do 9 ao 17 de abril, coa excepción do luns 11), coincidindo cos festexos do Día dos Museos (do 18 ao 22 de maio) e na semana do 10º aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás (do 14 ao 19 de xuño).

As persoas participantes, entre outras zonas, percorrerán a estrutura que sostén este edificio de 43 metros de altura e unha superficie de 16.000 metros cadrados. Visitarán as abraiantes baixocubertas e a galería subterránea pola que acceden as obras de arte que chegan ao Museo. Achegaranse tamén a solucións técnicas singulares, propias de infraestruturas desta envergadura, como un montacargas con capacidade para 146 persoas ou para elevar un máximo de 11 toneladas (equivalente ao peso de tres coches).

Baixo a pel do Museo descubriralles ás persoas visitantes curiosidades sorprendentes, como as ilusións ópticas dalgúns elementos arquitectónicos, os segredos que agochan no seu interior os piares, a espectacular fachada de cristal onde cada peza é diferente, ou a torsión do edificio que permite protexer as obras do impacto directo da luz solar.

O ‘GAIÁS SECRETO’

Este programa de visitas especiais ao Museo complétase co regreso dos percorridos do Gaiás secreto, unha actividade que arrancou en 2019 co obxectivo de achegar á cidadanía non só unha panorámica arquitectónica do recinto, senón tamén o funcionamento e espazos agochados. Neste ano, estas visitas guiadas volven nas fins de semana da primavera e levarán ás persoas visitantes a espazos como a galería subterránea, a sala de caldeiras ou o baixoteito da Biblioteca de Galicia. O equipo de guías da Cidade da Cultura será o encargado de explicar as claves do conxunto arquitectónico nun percorrido desde as Torres Hejduk ao Fontán (o primeiro e o último dos edificios erixidos no Monte Gaiás), pasando pola Biblioteca, o Centro de Emprendemento ou a espectacular praza Central.

Xa están dispoñibles as entradas para estas dúas modalidades de visita, que se poden retirar na billeteira do Museo Centro Gaiás ou en ataquilla.com a un prezo de 12 € para Baixo a pel do Museo e de 6 € no caso do Gaiás secreto.

DÉCIMO ANIVERSARIO

Gaias2
Os visitantes verán a estrutura que sostén este edificio de 43 metros.

O Museo Centro Gaiás abriu as súas portas en xuño de 2012. Tras unha etapa na que se mantivo sen exposicións para permitir que os visitantes apreciasen a súa arquitectura, a exposición Gallaecia Petrea foi a primeira mostra que organizou. Agora, 10 anos despois este edificio ten organizado un total de 27 grandes exposicións, ás que continúan a sumarse novos proxectos este mesmo ano. Neste tempo, colaborou xa con institucións tan prestixiosas como o MoMA, o Rijksmuseum, o British Museum, o Victoria and Albert Museum, o Musée d’Orsay, a Galería dos Uffizi de Florencia, as Bibliotecas Vaticanas ou as universidades de Oxford e Cambridge, entre outros moitos.

Ademais de exposicións, o museo acolle espectáculos de artes escénicas como os do festival Escenas do Cambio, ten albergado eventos como o WOMEX, a feira de world music máis importante do mundo, así como concertos de recoñecidos artistas.

Cidade da Cultura, 10 anos do museo