sábado. 27.04.2024

 Un total de 13 películas, catro delas galegas, optan este domingo ao Premio MICE ao Mellor Filme. A entrega de galardóns terá lugar ás 12.30 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego, presentada pola actriz e creadora Carlota Mosquera.

O xurado desta décimo novena edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego está formado por Catherine Barbour,  xefa do Departamento de Estudos Hispánicos de Trinity College Dublin (Irlanda); Adriana Páramo, cineasta e fundadora do Galician Film Forum en Londres; e Eloy Domínguez Serén, cineasta e profesor. Outorgarán tamén o Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Ademais, todos os filmes da sección competitiva optarán ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, que valorará o xurado composto por Iria Vázquez Silva, Víctor Villar Caamaño e Iñigo Sánchez-Fuarros, integrantes da Asociación Galega de Antropoloxía. O listado de galardóns completarase co Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e o Premio do Público. 

cinema2
Trajectory Drift, Iván Casteiñeiras 

Fóra da sección competitiva, este domingo, ás 11 horas, no Museo celébrase a segunda sesión de Lindes, con Iván Castiñeiras. O cineasta compartirá coas persoas asistentes o seu proceso creativo, partindo do seu work in progress Deuses de pedra e doutros proxectos anteriores como son a instalación interactiva audiovisual Chemin battus e as curtametraxes Ou est la jungle, Trajectory Drift e A Raia, filmes que abordan cuestións xeopolíticas, de fronteiras e territorialidade, en liña coa temática desta 19ª MICE, que analiza a ollada etnográfica sobre o político.

Xa pola tarde será a vez da derradeira sesión de Impropias, co Foco Cecilia Mangini por Carolina Astudillo. A partir das 18 horas, en NUMAX, proxectaranse Un paseo por New York Harbour, da directora chilena; e Due scatole dimenticate. Un viaggio in Vietnam, de Cecilia Mangini e Paolo Pisanelli. 

As entradas para todas as proxeccións son gratuítas. Toda a información sobre a grella e como conseguilas, na web http://mice.museodopobo.gal/

A 19 MICE, que continuará ata o 26 de marzo, conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. 

<

Catro filmes galegos e nove de diversas nacionalidades compiten polo recoñecemento á...
Comentarios