A catedral de Santa María de Tui será escenario este domingo, 28 de decembro, ás 18.00 horas, dun “Concerto de Nadal” a cargo da fadista María do Ceo, unha proposta musical pensada para estas datas e para conmemorar os 800 anos da consagración do templo tudense. O concerto está organizado polo Cabido da Catedral de Tui, coa colaboración do Concello de Tui, e contará con entrada libre ata completar aforo.
A actuación permitirá ao público gozar da voz dunha das intérpretes máis recoñecidas do panorama galego-portugués, cun repertorio que combina tradición, emoción e sonoridades propias do Nadal. O programa estará composto por diversas panxoliñas, xunto con pezas populares da tradición galega, como «Por entre as silveiras» ou «Os paxariños», e tamén de Portugal, como «Em noite tão fria» ou «Canção de embalar».
Unha carreira marcada pola ponte cultural entre Galicia e Portugal
María do Ceo, nacida en Portugal e afincada en Ourense desde a infancia, consolidou ao longo das últimas décadas unha sólida traxectoria musical caracterizada pola fusión de influencias galegas e portuguesas. Cun estilo persoal que mestura a melancolía do fado coa sensibilidade da música galega, conta cunha ampla discografía e unha presenza continuada sobre os escenarios, tanto no ámbito nacional como internacional.
A artista publicou máis dunha ducia de traballos discográficos, recibindo numerosos recoñecementos pola súa achega á música e pola difusión da cultura a ambas beiras do Miño. Ademais, participou en diferentes proxectos audiovisuais e escénicos, reforzando a súa proxección artística e cultural.
O “Concerto de Nadal” na catedral de Tui preséntase así como unha cita musical destacada para estas festas, unindo tradición e emotividade nun espazo emblemático que celebra este ano unha das efemérides máis significativas da súa historia.
