Vilar de Santos volveu converter a súa fermosa Carballeira do Concello, coñecida como Carabuñas, no epicentro da cultura rural coa celebración do XI Aniversario da Arca de Noé. Un ano máis, este espazo natural acolleu unha xornada de convivencia e moita arte, demostrando que a cultura tamén ten un lugar privilexiado no corazón do rural galego.
Esta singular iniciativa leva o nome de Noe, a muller que apostou por este enclave tabernario, A Arca, onde ademais de ofrecer concertos en vivo continuados con innumerables bandas de renome, tamén dedica un espazo á pintura. A taberna da Arca ten sido un punto de encontro para recoñecidos nomes da plástica, que teñen colgado alí as súas obras.
Entre eles, destaca Xulio Fontes, quen en breve inaugurará un museo ao aire libre nas faldas do Penagache, concretamente en Forxan, a aldea que o viu nacer hai pouco máis de 73 anos. A súa presenza na celebración do aniversario da Arca de Noé subliña o vencello entre este espazo cultural e a promoción da arte na comarca.
Na xornada de conmemoración do XI Aniversario, a sombra da Carballeira acolleu a Xulio Fontes, Mercedes Vázquez Saavedra e o seu inseparable Moncho, compartindo non só arte musical ao son de Tabernarias e As Singras da Arca, senón tamén momentos de confraternidade con empanada vexetal e, sobre todo, moita arte.
