domingo. 28.04.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a presentación da 18ª edición do Festival de Cans, onde defendeu o interese estratéxico destes eventos para o sector, así como para as localidades e comarcas nas que se celebran. Neste sentido, lembrou que o compromiso do Goberno galego cos festivais audiovisuais materialízase a través dunha liña específica de subvencións, que este ano incrementou o seu orzamento ata os 200.000 euros para contribuír á organización de 14 encontros en toda Galicia.

Esta vía de apoio aos festivais enmárcase no programa anual de subvencións da Xunta ao audiovisual galego, que este ano distribuirá máis de 3,6 millóns de euros a través das seis convocatorias publicadas, entre as que tamén se atopan as dirixidas a producións e coproducións audiovisuais, desenvolvemento de proxectos, promoción do talento, difusión e comercialización en foros de negocio e certames internacionais e unha nova liña para as salas de exhibición cinematográfica.

O equipo organizativo e os representantes das diferentes entidades e empresas colaboradoras do festival déronse cita no Torreiro das Estrelas de Cans para desvelar o programa que se desenvolverá nesta parroquia do Porriño do 1 ao 4 de setembro. Todos eles recibiron a felicitación do conselleiro por seguir impulsando esta “cita indispensable para a cultura galega” e mantendo intactos os seus valores diferenciais.

Como sinalou, trátase dunha das citas adxudicatarias da devandita convocatoria de axudas, que en 2021 incrementou a súa dotación nun 5%, dándolle continuidade a unha tendencia ascendente segundo a que en 2020 xa experimentara un aumento do 11% respecto ao ano anterior. Esta medida, inserida no plan autonómico de reactivación do sector cultural, reforzouse ademais cunha serie de modificacións nas bases para tomar en consideración o esforzo dos festivais por manter a súa celebración, respectando estritamente ás esixencias sanitarias sen menoscabo da súa calidade.

SECTOR

Román Rodríguez fixo especial fincapé neste traballo de adaptación ao novos modelos de difusión e de conexión co público, reaxustando datas e combinando accións en liña con formatos semipresenciais ou presenciais, entre outras medidas. Ao tempo, trasladoulle este recoñecemento ao conxunto do sector audiovisual, que definiu como “unha das pedras angulares das nosas industrias culturais” polo seu potencial creativo, pola valía dos seus traballadores e pola súa capacidade de conectar co gran público e de levar a imaxe de Galicia por todo o mundo. “Malia o duro golpe que supuxo esta pandemia, o audiovisual galego demostrou unha vez máis a súa fortaleza, sendo quen de manter o seu nivel de calidade e competitividade, lanzando estreas de gran relevancia ou acadando premios en festivais de primeiro nivel”, continuou.

VALENTÍA

Respecto ao Festival de Cans, subliñou o seu papel como escaparate da creatividade, dinamismo e calidade do sector en Galicia, ademais de como exemplo de valentía: desde os seus inicios, elixindo un emprazamento a priori pouco convencional para reivindicar o noso rural, a nosa identidade, a nosa cultura e o noso cine, ata o momento actual, no que a súa organización optou por redeseñar o formato e trasladalo a setembro para garantir a súa celebración de acordo cos protocolos sanitarios vixentes.

Xunto coa selección de curtametraxes e demais proxeccións, como a estrea en salas de 9 Fugas de Fon Cortizo e a premiere absoluta El tiempo es libre de Fernando Epelde, sobresae no programa desde ano o recoñecemento a nomes claves do audiovisual galego e estatal actual co Premio Pedigree de Honra ao director e guionista Jorge Coira ou o Chimpín de prata ao actor Tamar Novas, entre outros.

Destaca tamén o cartel musical, con Maika Makovski e Sés entre as citas principais, a estrea da nova sección Correspondencias para afondar na relación dos cineastas galegos cos doutros países, ou a retrospectiva dedicada ao brasileiro Kleber Mendoça, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes (Francia) en 2019.

Cans estrea en salas '9 Fugas' de Fon Cortizo e a premiere absoluta 'El tiempo es...