O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia coeditan Castelao. Construtor da nación, a biografía máis completa que existe ata o momento do intelectual galeguista, unha obra do historiador Miguel Anxo Seixas Seoane que consta de tres tomos. O primeiro volume, que abrangue de 1886 a 1930, presentouse en 2019. Mañá mércores preséntanse os outros dous (de 1931 a 1939 e de 1940 a 1950) no Museo no Pobo Galego, ás 19:00 horas.

No acto estarán, ademais do autor da publicación, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro; e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.
Nesta ampla biografía, que suma un total de 3.919 páxinas, recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.
Trátase dunha biografía monumental concibida polo historiador Miguel Anxo Seixas como un diario da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época. Ademais, os libros ilústranse con fotografías que mostran diferentes momentos da traxectoria de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.