A Deputación de Pontevedra pon en marcha a primeira das actividades paralelas da 32ª Bienal, un ciclo de cine titulado “Cine, Arte e Guerra” que servirá de preludio á inauguración da Bienal o vindeiro 21 de xuño.
O ciclo comeza este xoves, 29 de maio, ás 23:00 horas, coa proxección no xardín do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, do filme checoslovaco “Diamantes da noite (Démanty noci)”, dirixido por Jan Němec en 1964. A película, de 67 minutos de duración e con entrada libre ata completar o aforo, narra a dramática loita por sobrevivir de dous nenos xudeus que foxen dun tren con destino a un campo de concentración.
“Cine, Arte e Guerra”, organizado en colaboración co festival Novos Cinemas, consta de seis sesións que combinan diversos xéneros e formatos. A selección busca ofrecer unha variedade de orixes xeográficas e períodos de produción, incluíndo filmes de ficción, documentais e animación que abordan historias de conflito, represión, resistencia, memoria e destrución do territorio. Deste xeito, o cinema preséntase como unha ferramenta para reflexionar e sentir o conflito desde múltiples perspectivas, evidenciando como certos conceptos universais se fan visibles na pantalla, como a guerra, entendida como unha realidade presente en todas as épocas, territorios e culturas.
Agás a proxección desta semana, que será ás 23:00 horas no xardín do Palacete das Mendoza, o resto das sesións do ciclo terán lugar ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O programa continuará o xoves 5 de xuño con “Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos”, unha produción de Italia, Francia e Alemaña dirixida por Claudio Poli en 2018. O xoves 12 de xuño proxectaranse dous documentais de Lionel Rogosin: “Bos tempos, marabillosos tempos” e “Diálogo árabe-israelí”, de 1965 e 1974 respectivamente.
As tres últimas sesións do ciclo serán en xullo. O xoves 3 proxectarase o clásico francés “O silencio do mar”, dirixido por Jean-Pierre Melville en 1949. O mércores 9 de xullo será a quenda do filme de animación de Hayao Miyazaki, “Nausicaä do Val do Vento”, no auditorio do Edificio Castelao. O ciclo pecharase o xoves 17 de xullo cunha dobre sesión cos filmes de Peter Watkins sobre conflitos bélicos nos séculos XVIII e XX: “Culloden” e “O xogo da guerra”.
Este ciclo de cine é a primeira das actividades paralelas da 32ª Bienal de Pontevedra, que baixo o lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, abrirá as súas portas do 21 de xuño ao 30 de setembro. A Bienal mostrará a obra de 60 artistas de 28 nacionalidades con diversas visións sobre os conflitos bélicos e a necesidade de superalos a través da empatía e o humanismo. Durante o verán desenvolveranse outras actividades paralelas, como artes vivas, conversas con artistas, talleres en colaboración coa Universidade de Vigo e un ciclo de conferencias que clausurará a Bienal en setembro.
Toda a programación do ciclo de cine e da Bienal está dispoñible en https://bienal.depo.gal/.
