martes. 04.11.2025

O vindeiro martes 1 de xullo, ás 19:30 horas, o Pazo de Pías en San Pedro de A Ramallosa (Nigrán) será o escenario dun fito cultural e relixioso: a presentación oficial de www.abiblia.gal, a plataforma dixital que permitirá o acceso libre e global á versión galega da Biblia.

O acto, de entrada libre ata completar capacidade, contará coa participación de destacadas personalidades. Estarán presentes Silvestre Gómez Xurxo, presidente de SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), entidade promotora desta iniciativa; Almudena Suárez Cerviño, secretaria do Consello Diocesano de Pastoral; Nuria Núñez Elissetche, vogal da directiva de SEPT; e monseñor Antonio Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo, quen presidirá o evento.

A nova plataforma dixital www.abiblia.gal foi deseñada para facilitar a lectura, consulta e busca da Biblia en galego de xeito sinxelo e intuitivo. Ata a data, a versión en galego estaba dispoñible unicamente en formatos de libro, tanto físico como dixital. Con este lanzamento, o acceso vólvese "máis fácil, rápido, libre e desde calquera parte do mundo con conexión a internet", democratizando a súa dispoñibilidade e alcance.

A relevancia deste paso foi subliñada por Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega. Nas súas palabras, "estamos ante un feito que ten obviamente unha relevancia non plano relixioso, pero vai máis alá diso. Ten tamén relevancia cultural para o idioma galego. Xa non seu día foi un fito a tradución da Biblia, e agora tamén é un fito que se difunda a través da rede".

A primeira tradución oficial e completa da Biblia ao galego rematouse no ano 1989. Dende entón, esta versión foi revisada e corrixida en varias ocasións, sendo a edición de 2021 a cuarta e máis recente. A editorial SEPT foi a encargada da publicación destas versións e agora, tamén, a impulsora desta innovadora plataforma dixital, consolidando o seu compromiso coa difusión das Sagradas Escrituras na lingua propia de Galicia.

A Biblia en galego salta ao dixital coa presentación de www.abiblia.gal
Comentarios