A última hora dos dous primeiros días da segunda semana de agosto, outrora na Alameda da Guarda, harmonía, ritmo e a inconfundible voz bambina envolvían o espazo axardinado.
Soy la que sufre por tu amor,
la que piensa en ti, mi amor,
y quisiera convencerte.
Soaba música interpretada por "Los Bambinos" e a voz de Suso. Outra das formacións do Baixo Miño que non esquecen aqueles que xa frecuentaban as verbenas nos anos sesenta, década na que se formou o grupo orquestral na Guarda.

Si, señor. Naquel local tertuliano e musical, onde se reunían mozos que levaban as corcheas nas veas, despois de pasar pola escola de Alfonso Ulloa na Banda rosaleira de Tabagón, ou mesmo do mestre Xosé Mariño "Santeiro", que fundara Os Tempores.
Faladoiros ao son dos golpes de martelo para fixar as tapas ao tacón á beira da torre do reloxo, zapatería de Lombita, Manuel Lomba, o que sería baixista, laúde e clarinete, materializando aquel soño musical.
Alí estaban a maioría dos compoñentes dunha formación músico-vocal coñecida aquí e alén Miño por "Los Bambinos": Luis Rodríguez "Gabiño", encargado da percusión, fillo daquel outro inesquecible músico que acompañaba ao acordeonista Xesús en vodas e banquetes na Guarda e O Rosal; igualmente inesquecible, Celso Domínguez "Cabriñas", acordeón e teclado Farfisa; Xesús Alonso, guitarra e voz, incorporándose despois os dous metais, Xosé Luis Rodríguez Martínez "Mateiro" con trompeta, ex-alcalde do Rosal, e o inesquecible Emilio Sánchez, saxo.
A Liga de Amigos do Rosal foi o primeiro palco onde subiran os xoves músicos outrora, o 25 de novembro de 1962, que pouco a pouco foron acadando sona aquí e alén Miño, amenizando bailes e verbenas, programas festivos compartidos con formacións de toda Galicia na época dourada da música: Os Duendes, Microns, Magos de España, Sintonía de Vigo, Saudade, París, Los Santos, Arquinos, Trovadores, Finisterre, Poceiro, Chicos del Jazz, Florida ou Roma, entre outras orquestras e conxuntos, mesmo recinto, tarde ou noite, igual que nalgunhas salas de festas do sur de Galicia, alternando escenario, música e voces en vivo de Os Pequenikes, Dúo Dinámico, Los Alba, Julian Granados ou Mike Kennedy, cando subían a Galicia, concretamente á provincia de Pontevedra.

Eran como unha familia nos días ou vésperas da Virxe do Pilar, Santa Ana en Sandián, San Vicente en Marzán, as Candelas ou San Brais en San Xoán de Tabagón, San Xulián en San Xián, todas elas no Concello do Rosal, e outras moitas máis celebracións coterráneas, mesmo na Marina da Guarda, onde creceu e se formou a voz da formación, amparada polo técnico de son, o recordado Marcial, para que mozas e mozos bailasen ao seu ritmo e disfrutasen da voz do vocalista Suso, o que segue rodeado de amigos ao son das ondas do mar no seu natal porto da Guarda.
Soy quien espera comprensión,
y te pide, mi amor,
que me enseñes a quererte.