martes. 04.11.2025

Ateneos de Galicia ultiman unha homenaxe a Castelao en Rianxo e lanzan un ciclo de conferencias intercidades

A Federación de Ateneos de Galicia celebrou unha xuntanza en Santiago onde se concretaron os detalles dun emotivo acto en Rianxo polo Ano Castelao e presentouse un interesante ciclo de conferencias que busca romper as barreiras do localismo entre as cidades galegas.
(de esquerda a dereita): Pablo González Prieto, Xabier Paz, Luísa Abad, Pilar Sampedro, Antón Porteiro, Manuel López-Rivadulla, Francisco Candela, Xaime Toxo, Carmen Durán, Francisco Javier M. Dongil e Xosé Collazo.
(de esquerda a dereita): Pablo González Prieto, Xabier Paz, Luísa Abad, Pilar Sampedro, Antón Porteiro, Manuel López-Rivadulla, Francisco Candela, Xaime Toxo, Carmen Durán, Francisco Javier M. Dongil e Xosé Collazo.

A Federación de Ateneos de Galicia, entidade que agrupa diversas asociacións culturais galegas, celebrou o pasado xoves, día 15 de maio, unha nova xuntanza na cidade de Santiago de Compostela, que contou coa presenza de representantes dos Ateneos de Santiago, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Ourense e Moaña. O representante do Ateneo de Marín, tamén integrante da Federación, escusou a súa presenza por motivos de axenda.

Durante a xuntanza concretáronse os detalles dunha homenaxe a Castelao, en conmemoración do Ano Castelao, que se realizará en Rianxo o vindeiro 14 de xuño. A xornada iniciarase cunha recepción por parte do Alcalde desta localidade aos directivos dos ateneos federados. O acto contará, ademais, cunha visita guiada polo Rianxo de Castelao, unha ofrenda floral na escultura de Castelao, o recital poético «Castelao sempre» por parte de poetas galegos (Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Xaime Toxo, Xabier Paz e Luísa Abad, entre outros) e un xantar de confraternidade dos ateneístas. A homenaxe finalizará cunha foliada dun conxunto galego e un grupo de cantareiras, clausurándose cun cántico final colectivo da Rianxeira.

Outro dos puntos tratados foi o ciclo de conferencias «Rompendo as barreiras do localismo», unha iniciativa que pretende reivindicar unhas cidades dende outras, fomentando as boas relacións entre elas mediante o recoñecemento da singularidade de cada unha e desbotando a competencia dos localismos. O ciclo inaugurarase o vindeiro 26 de maio nos Luns do Ateneo coa conferencia «Vigo en Santiago», impartida polo escritor e editor vigués Manuel Bragado, e continuará o 28 de maio con «Santiago en Pontevedra», impartida polo ex-Alcalde de Santiago, Xerardo Estévez; o 3 de xuño con «Ourense en Vigo», impartida polo escritor ourensán Bieito Iglesias; e o 6 de xuño con «Ferrol en Ourense», impartida polo historiador ferrolán Guillermo Llorca.

A Federación de Ateneos de Galicia volverá reunirse na segunda quincena de setembro na cidade de Ourense para concretar outras propostas de actividades presentadas nesta xuntanza.

Ateneos de Galicia ultiman unha homenaxe a Castelao en Rianxo e lanzan un ciclo de...
Comentarios