viernes. 26.04.2024

O Concello de Ponteareas divulgará a figura de Xela Arias en bolsas de pan grazas ao apoio e colaboración das panadarías locais.  As bolsas levan impresas as caras da poeta de Sarria, por un lado, e da escritora ponteareá Emilia Estévez Villaverde, pola outra, e van acompañadas de cadansúa breve reseña e de cadanseu poema.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, sinala que “a través desta iniciativa, queremos render homenaxe á autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas e, ao mesmo tempo, tamén queremos poñer en valor e dar a coñecer a figura da escritora ponteareá, Emilia Estévez Villaverde, pola contribución que esta lle fixo ás nosas letras. Agora ben, esta iniciativa non sería posíbel sen a estimábel colaboración das panadarías de Ponteareas. Xa que logo, enviámoslles o noso maior agradecemento pola súa colaboración e implicación na difusión destas bolsas conmemorativas, que posúen o valor engadido de seren realizadas en papel procedente de fontes sostíbeis, fabricadas en Galicia e seren reciclábeis”.

As letras con pan entran en Ponteareas