jueves. 18.04.2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación da app da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, unha ferramenta con todo o catálogo de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico da Xunta de Galicia, e que inclúe tamén unha nova versión dixital do carné de usuario e unha nova modalidade orientada a persoas non residentes en Galicia.

Tal e como afirmou o responsable autonómico de Cultura, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, este novo servizo vai estar dispoñible para os sistemas operativos de Android e iOS e permite levar nun mesmo dispositivo os máis de 14.000 títulos de fondos literarios e documentais dispoñibles en GaliciaLe para acceder a eles calquera día da semana e en calquera horario. “Esta plataforma de préstamo e consulta dos recursos electrónicos ofrecidos polas bibliotecas públicas de Galicia pechou o ano 2023 con case 17.500 usuarios, o que demostra o interese dos galegos pola lectura dixital,” precisou.

Ademais, a ferramenta inclúe a modalidade GaliciaLe+, que permite o uso da plataforma por parte de persoas residentes fóra da Comunidade que queren ler en galego. Esta medida, accesible a persoas de calquera lugar do mundo, ten por obxectivo promover e facilitar a lectura en galego máis alá das nosas fronteiras, así como facilitar o acceso á Galicia exterior a todos os recursos desta app. As ferramentas dixitais permitiralle a emigración galega estar máis cerca do seu lugar de orixe.

De xeito parello ao lanzamento da aplicación, a Xunta de Galicia vén de actualizar a imaxe dos carnés de usuario, de xeito que todas as bibliotecas públicas contarán co mesmo modelo para ofrecer aos seus lectores. “Trátase dunha tarxeta personalizable co nome da biblioteca titular que ofrece unha imaxe común en toda a rede”, explicou o conselleiro, quen precisou que, por primeira vez, o carné poderá solicitarse de xeito telemático sen necesidade de acudir fisicamente á biblioteca.

Tamén como novidade actualizaranse as condicións de protección de datos e deixará de ser obrigatorio presentar unha fotografía. Ademais, haberá dúas modalidades de carné, unha física cun deseño adaptado á nova imaxe e outra dixital que se poderá levar directamente no teléfono móbil.

UNHA CULTURA MÁIS DIXITAL

O conselleiro de Cultura explicou que a medida responde ás necesidades dos galegos, unha comunidade “lectora” na que 7 de cada 10 habitantes afirman que len con frecuencia. “O noso obxectivo é traballar para actualizar o acceso á cultura dixital e á lectura a través dos formatos máis solicitados. Para iso, poñemos a disposición dos usuarios unha nova ferramenta que supón un paso adiante ao maximizar todas as posibilidades”, engade Román Rodríguez.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou que Galicia “é hoxe unha rexión desenvolvida no ámbito tecnolóxico que conta con servizos dixitais practicamente universais na Sanidade, Servizos Sociais, Educación, Xustiza ou Administración”. Para Cerviño, o reto actual pasa por “poñer ao servizo do benestar das persoas as tecnoloxías innovadoras, como a intelixencia artificial”. A cultura, engadiu, é unha parte esencial dese benestar.

O director da Axencia referiuse a proxectos como a Memoria Dixital de Galicia, a biblioteca Galiciana, a Cátedra en Patrimonio Cultural Dixital ou o Proxecto Nós e enmarcounos no obxectivo da Estratexia Galicia Dixital 2030 de que a nosa Comunidade se converta nunha rexión especializada en tecnoloxía. Julián Cerviño explicou que a aplicación de tecnoloxías como a intelixencia artificial “debe centrarse nas persoas, no seu benestar e nos seus dereitos, cunha visión ética e humanista”.

Unha app permite préstamos electrónicos dos fondos das bibliotecas públicas
Comentarios