lunes. 08.12.2025

A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) presentará mañá, martes 9 de decembro, ás 13:00 horas, na sala Quintana do Hotel Oca Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, o número dez da súa revista dixital “Comunica”, que nesta edición leva por título “Estado da opinión sobre a innovación na comunicación en Galicia”. O informe foi elaborado coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Banco Sabadell.

O acto estará presidido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o director institucional territorial noroeste do Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; a presidenta da APG, María Méndez; e o catedrático de Xornalismo da USC e director do estudo, Francisco Campos Freire.

Este décimo número de Comunica ofrece unha radiografía diacrónica sobre a innovación en diversos ámbitos comunicativos: medios escritos en papel e dixitais, radio e audio, televisión, ademais de expresións e técnicas como a ficción cinematográfica e a dobraxe, o teatro, a música, a publicidade, a comunicación institucional e empresarial, a comunicación política, a fotografía, o deseño gráfico ou a sinalización urbana.

O traballo compóñeno vinte capítulos, elaborados por xornalistas e académicos especialistas en cada área, combinando a experiencia de profesionais consolidados con novas voces do sector. Inclúe tamén unha enquisa sobre o estado actual da innovación nos diferentes medios e ámbitos comunicativos. A coordinación correu a cargo das profesoras da USC Tania Fernández Lombao e Marta Rodríguez Castro, e contou co asesoramento do xornalista Alberto Barciela.

Datos do acto

  • Día: Martes, 9 de decembro de 2025

  • Hora: 13:00 h

  • Lugar: Hotel Oca Puerta del Camino — Sala Quintana

A APG presenta en Santiago o número 10 da revista “Comunica”, centrado na innovación na...
Comentarios