jueves. 28.03.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a terceira edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.

O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con seis relatorios impartidos por oito recoñecidos expertos entre abril e xuño, e un segundo bloque con cinco conferencias dirixidas a institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2022-2023 -de setembro a decembro-.

Mañá xoves, 9 de xuño, celebrarase a derradeira sesión, ás 19:00 horas, en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na páxina web da Deputación-. Estará moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez.

A RELEVANCIA

A encargada de pechar o ciclo será Herminia Domínguez González, catedrática de Enxeñaría Química da facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense). É ademais académica numeraria da Sección de Ciencias Técnicas da Real Academia Galega de Ciencias. Falará sobre os antioxidantes naturais, como se obteñen e cales son as súas aplicacións tecnolóxicas.

A investigadora explica que “a preferencia dos consumidores por aditivos de orixe natural e o aumento da súa demanda incentivou a procura de novas fontes de antioxidantes naturais que poden substituír a outros de orixe sintética”. Nesta liña, a experta indica que “para dispor dunha ampla gama de compostos procedentes de materias primas renovables é importante deseñar procesos de obtención eficaces, selectivos e ambientalmente benignos. Tamén se require desenvolver as aplicacións máis adecuadas para produtos existentes e para outros novos”.

Nesta presentación Domínguez achegarase aos principais tipos de antioxidantes naturais que existen, as fontes de especial relevancia, así como ás tecnoloxías convencionais e emerxentes. Explicará ademais as súas aplicacións máis destacadas tanto en produtos alimentarios como en cosméticos.

A inscrición para participar gratuitamente nestas conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra. Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

 

Os antioxidantes naturais
Comentarios