Ana Crismán, a "mestra da arpa flamenca", encabezará o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia
Unha das figuras máis relevantes da arpa a nivel mundial, a andaluza Ana Crismán, actuará de balde este verán en Galicia como cabeza de cartel da duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (NHF). A destacada intérprete de arpa flamenca regresará ao festival tras a súa visita en 2021, desta vez xa consolidada como unha referencia no seu xénero. O seu concerto promete ser un dos grandes atractivos da programación musical do verán galego.
O Noia Harp Fest tamén traerá por primeira vez a España á escocesa Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum "Thawcrook" acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella explora a tradición musical con técnicas de composición contemporáneas, creando temas hipnóticos e con gran capacidade de improvisación.
A escena galega terá unha presenza destacada coa presentación oficial de D'Súpeto. Este novo cuarteto está liderado polo monfortino José Álvarez (arpa, mandolina e laúde), xunto a recoñecidos músicos galegos como Tonecho Castelos (violín), Diego Barral (guitarra acústica) e Martín Marticonera (frauta de bico, frautas traveseiras e ocarinas). A banda presentará en Noia o seu singular proxecto musical, que combina pezas tradicionais con composicións propias.
Noia Harp Fest: Do 30 de xullo ao 2 de agosto
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 30 de xullo ao 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e dirixido artisticamente pola Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia, Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña. O festival é unha cita imprescindible para os amantes da arpa e da diversidade artística, reunindo cada ano a numerosos artistas galegos e internacionais de diferentes estilos.
Un dos seus sinais de identidade é a gratuidade de todos os concertos, permitindo ao público descubrir desde músicas ancestrais ata vangardistas creacións contemporáneas. Ademais, desde 2023 o festival acolle o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, un espazo para o alumnado dos centros galegos.
Outro atractivo do NHF é o Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, que busca ampliar o repertorio para arpa e orquestra. Na súa terceira edición, o premio recaeu na obra "Cuatro historias gallegas" do compositor arxentino Federico Beilinson, que será estreada no marco do festival. O galardón conta cunha dotación económica de 2.500 euros.