jueves. 28.03.2024

O vigués Álex Mene acaba de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.

O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-.

Álex Mene (Vigo, 1969) é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, cidade onde tamén se especializou en Realización e Produción no Instituto Oficial de Radio e Televisión. No ano 2018 publicou o álbum ilustrado A raíña das tortas –Alvarellos-. Así mesmo, gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento” coa súa obra Indómita e a semente da inmortalidade –Bululú-. No ano 2020 obtivo o 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). Este ano, a súa novela Ana e as súas irmáns (Do Peirao) verá a luz.

O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.

Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.

O Concello de Carral está xa a traballar na XXV edición do Concurso de Poesía, que terá lugar o vindeiro ano. Co obxectivo de converter Carral na capital da poesía galega, estanse a organizar recitais, xornadas literarias, espectáculos relacionados con este xénero, proxeccións, exposicións, etc.

XUNTA

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coas iniciativas que contribúan a difundir o talento e que axuden a reforzar a promoción e divulgación da literatura galega. Así o manifestou durante a entrega do XXIV Premio de Poesía Concello de Carral, que conta co apoio do Goberno autonómico e ao que puxo como exemplo por ser, afirmou, “un dos certames históricos de Galicia que nos seus 24 anos de vida continúa a visibilizar e servir como estímulo para un bo número dos autores no eido da poesía”.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu a todos os participantes o seu esforzo nunha edición que, como dixo, “contou con moitos poemarios merecentes do premio, o que demostra a boa saúde da nosa literatura e as ganas dos creadores de seguir xerando propostas literarias de calidade”. Felicitou, ademais, ao gañador, o vigués Álex Mene coa súa obra Os puntos do impacto.

Como recordou, o autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón cunha obra da que o xurado destacou o “universo orixinal e coherente” da peza na que sobresae “a solidez da súa voz poética”.

Alex Mene, “a solidez da súa voz poética”