viernes. 29.03.2024

Está aberto o prazo de inscrición para o Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) 2020-2021. Impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

O curso, que xa celebra a súa novena edición, dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de xuño de 2021. As solicitudes para inscribirse no mesmo deberán presentarse ata o 28 de maio a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-.

Todos os alumnos disporán dunha bolsa por unha cantidade de 300 euros ao mes. E, como alumnos de pleno dereito da Universidade de Santiago, terán posibilidade de aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, situada a 180 metros da Escola.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por solistas de recoñecido prestixio convidados polo centro. Tamén participarán en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.

MOSTRAR HABILIDADES

A Escola ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para as especialidades de contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Xunto coa documentación, os aspirantes deberán presentar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas. Os preseleccionados realizarán unha proba final, que terá lugar a principios de xullo e consistirá nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

Aberto o prazo para inscribirse no curso de posgrao de especialización orquestral coa RFG