viernes. 29.03.2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Escuela Museo Origami  de Zaragoza (EMOZ), en colaboración con AGAPEMA, presentan a exposición «Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia», unha mostra que reúne pezas de papel realizadas mediante a técnica do origami para poñer de manifesto a relación entre as matemáticas e a papiroflexia. A rolda de prensa de presentación terá lugar mañá mércores 9 de setembro, ás 11.00 h, na Sede Afundación de Lugo (Praza Maior, 16) e nela intervirán o director do Museo EMOZ e comisario da mostra, Jorge Pardo, e a coordinadora da Sede Afundación de Lugo, María José Fernández.

Mediante as pezas desta mostra, de valor case escultórico, os asistentes poderán achegarse ás matemáticas desde unha nova perspectiva e coñecer conceptos como o «patrón de cicatrices» ou o «origami modular». Para a elaboración das mesmas non se utilizou pegamento nin tesoiras, só o pregado de papel. Ademais, a exposición repasa as achegas dalgúns nomes relevantes no campo da papiroflexia, como o da pregadora galega Covadonga Blanco, papiroflecta, matemática, docente e divulgadora. Poderase visitar ata o 9 de xaneiro do vindeiro ano, de luns a sábados en horario de 18.00 a 21.00 h.

A exposición abrirase ao público cun estrito protocolo sanitario para garantir o goce da cultura dun xeito seguro. Así, será obrigatorio o uso de máscara, controlarase a capacidade da sala, os itinerarios e percorridos estarán sinalizados, levarase a cabo unha desinfección rigorosa dos espazos, eliminaranse os elementos táctiles e levarase a cabo a supervisión da sala por parte de persoal da entidade para garantir o cumprimento da distancia de seguridade.

A relación entre as matemáticas e a papiroflexia, nova exposición de Afundación en Lugo