sábado. 20.04.2024

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, ofrece todos os luns ás 20,00 horas, a partir do 24 de xaneiro e ata o 7 de marzo, accións escénicas improvisadas para promocionar A peste, a súa nova produción. Trátase do programa ImproVersións, un proxecto dirixido por Antón Coucheiro co que se representará un espectáculo diferente cada semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

As pezas inspiraranse na temática e na atmosfera de A peste, así como nas suxestións do público, para realizar variantes libres e aloucadas arredor do clásico de Albert Camus. Ademais, utilizaranse a escenografía, o atrezzo e a iluminación da montaxe que vén de estrear o CDG con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó.

O elenco que participará en ImproVersións está composto por Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó. A iniciativa conta ademais con Alfonso Medina na dirección escénica e con Aitor Garuz como técnico de luz e son.

As entradas pódense adquirir en liña a través de ataquilla.com e no despacho de billetes desde dúas horas antes da sesión a un prezo de 5 euros.

PROMOCIÓN

ImproVersións é unha nova iniciativa posta en marcha polo CDG a prol do achegamento da cidadanía ao teatro e da creación de públicos. O obxectivo é a promoción do seu novo espectáculo, A peste, que permanecerá no Salón Teatro ata o 13 de marzo con funcións de mércores a domingo. Protagonizado por Nacho Castaño, nel actúan Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G. Alfaro, Paku Granxa, Luís Iglesia B., Míquel Ínsua, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, María Roja, Santi Romay e Carlos Sante.

O equipo artístico da produción está composto por Dani Trillo na escenografía, Martina Cambeiro no vestiario e maquillaxe, Afonso Castro na iluminación, Guillerme Fernández no espazo sonoro, Belén Pichel na asistencia de dirección e Keka Losada na de produción.

‘A Peste’