A nova Colección de Arte CGAC-Xacobeo supón un invistimento de 200.000 euros en 24 obras de 20 artistas

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a Galería Trinta, que vén de incorporar unha das súas obras á nova Colección de Arte CGAC-Xacobeo.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a Galería Trinta, que vén de incorporar unha das súas obras á nova Colección de Arte CGAC-Xacobeo, a iniciativa de adquisición de arte encadrada no Plan de Reactivación do sector cultural coa que o Goberno galego se converte na única institución pública que promove unha acción destas características en apoio a artistas e galerías. Esta medida englóbase no traballo do Executivo autonómico por axudar o sector cultural que, no caso das artes plásticas, supera os 600.000 euros.

O conselleiro de Cultura salientou a “decidida aposta” da Xunta co sector cultural galego “que é fonte de riqueza e de orgullo” e para o que destina durante este ano unha batería de medidas para axudar a atravesar o actual contexto. “Cremos firmemente que o valente e o responsable é atopar formas innovadoras de que a cultura siga de forma segura, porque é fundamental que as industrias e profesionais poidan seguir traballando e ofrecendo unha oferta cultural rica e variada a todos os galegos adaptándose sempre á situación sanitaria vixente”, engadiu o conselleiro.

No caso das artes plásticas, entre as accións postas en marcha destaca a creación da nova Colección de Arte CGAC-Xacobeo coa que a Xunta inviste 200.000 euros para mercar obra artística seleccionando un total de 24 obras (algunhas compostas por varias pezas) pertencentes a 20 artistas, que se poden consultar directamente na páxina web do CGAC.

Trátase dun programa co que, como engadiu o conselleiro, a Xunta “enriquece e complementa a colección do CGAC con fondos de artistas galegos á vez que axuda a paliar os efectos da pandemia nas artes visuais e permite visibilizar as novas xeracións de artistas que ata o momento non puideron integrarse nos fondos do CGAC”, indicou.

XACOBEO 21

A Galería Trinta participa nesta colección a través da instalación A paisaxe está baleira e o baleiro é a paisaxe, da viguesa Carla Andrade, vinculada ao novo cinema galego e que foi seleccionada pola comisión de expertos creada a tal fin entre unas 350 propostas artísticas presentadas pertencentes a 190 artistas. Todas estas adquisicións de carácter extraordinario están enmarcadas no Xacobeo 2021 e no compromiso da Xunta coa cultura.

De feito, o Goberno autonómico vén reforzando nos últimos meses o seu apoio ao sector no marco do Plan de Reactivación do sector cultural, cun investimento global de 26 millóns de euros, dos que xa están en execución o 80% de todos os compromisos previstos. No caso do apoio ás artes plásticas e galerías a Xunta achegou este ano un total de 604.000 euros en axudas a un sector fundamental que contribúe a promover e difundir novos valores artísticos, tanto no resto de España como no estranxeiro máis alá da súa actividade comercial. Para propiciar a asistencia destes profesionais a eventos internacionais, o Goberno galego decidiu reforzar economicamente este ano a liña habitual de axudas, cun importe superior aos 74.000 euros, e da que foron beneficiarias unha decena de galerías, como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

INDUSTRIAS CULTURAIS

Xunto a estas medidas, este ano tamén se renovou o apoio á Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, púxose en marcha unha nova liña de axudas para os creadores visuais, tanto artistas como comisarios, e celebrouse unha nova edición do Encontro de Artistas Novos (EAN), esta vez centrada unicamente en artistas galegos, en agosto na Cidade da Cultura para potenciar novos talentos, entre outras actividades.

Ademais de coas artes plásticas, a Xunta de Galicia traballa con todas as industrias culturais a través de numerosas medidas para o libro, o audiovisual, as artes escénicas e a música tanto a través de axudas, como na modificación e flexibilización das convocatoria para facilitar o acceso das empresas e mellorar rapidamente a súa liquidez.