sábado. 27.04.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación das actividades do Día Mundial da Poesía, que se celebrará na Insua dos Poetas o próximo luns 21, coincidindo coa efeméride establecida pola Unesco, co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense e do Concello do Carballiño.

Durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a importancia desta cita e asegurou que Galicia hai tempo que é “fértil en poetas”. Lembrou tamén que este ano “honraremos polas Letras Galegas un poeta que levou a súa arte na súa lingua consigo mesmo cando tivo que abandonar Galicia e establecerse, coma tantos outros, do outro lado do Atlántico”.

O Día Mundial da Poesía, adoptado pola Unesco en 1999, é unha ocasión para honrar aos poetas e fomentar os recitais de poesía, a promoción da lectura e a escritura desta, a súa converxencia con outras ramas da cultura e aumentar a súa visibilidade nos medios de comunicación. Con este obxectivo, a Insua dos Poetas, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, desenvolverá durante a mañá do luns 21 un acto en torno á poesía que contará coa presenza, entre outros, de alumnado e profesorado dos centros escolares da comarca do Carballiño.

O acto incluirá actividades como un recital de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, figura destras Letras Galegas 2022, por parte de oito escolares así como o espectáculo de poesía, música e danza Cantares Transhumantes, de Mirian Sandoval. Tamén haberá unha homenaxe ás letras arxentinas, na que se plantará un ombú, árbore simbólica da Pampa, ou a interpretación dos himnos de Ourense, Galicia e da República Arxentina. O acto, de carácter gratuíto, estará aberto ao público na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás (O Carballiño).

A Insua dos Poetas acollerá a celebración polo Día Mundial da Poesía