viernes. 26.04.2024

SonRías Baixas 2022 ultima o regreso do festival en gran formato para este verán. A cita musical por excelencia da península do Morrazo presenta este xoves novas incorporacións ao seu cartel. Unha ducia de bandas súmanse a un line up que encherá de enerxía as noites de agosto de Bueu. Nomes como La M.O.D.A., Rels B, Eskorzo, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino e Cool Nenas únense ás bandas xa confirmadas con anterioridade, como son Kase.O, Tanxugueiras, Rayden, Buhos, Arnau Griso, García Mc & Nación Quilombo e
Balkan Paradise Orchestra.

O festival de gran formato regresará do 4 ao 6 de agosto con tres xornadas de concertos nas Rías Baixas, zona de acampada a 150 metros da praia e cun cartel con propostas variadas e para todos os públicos conformado por un feixe de artistas consagrados ou noveles, de diferentes estilos e con propostas singulares e que transitan entre o rap, as
músicas de raíz, o pop, a mestizaxe, o rock, ou o stoner. Bandas como Tanxugueiras, La M.O.D.A., Bala ou Ciudad Jara presentarán sobre o escenario de Bueu os seus traballos discográficos máis recentes, nun festival no que, ademais, o dúo Arnau Griso se despedirá do público galego, e no que Eskorzo ou Rayden continuarán celebrando os seu 25º e 20º aniversario sobre os escenarios, respectivamente.

CONCERTOS POR DÍAS

Os concertos do SonRías Baixas arrancarán o xoves 4 nunha xornada protagonizada polos ritmos urbanos e pola Aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. As persoas asistentes poderán gozar do magnetismo único e pop urbano de Rels B, que conta con decenas de millóns de seguidores en todo o mundo; do inconfundible son da promesa do rap arxentino Sofía Gabanna; da rapeira valenciana JazzWoman, sempre disposta a abordar nas súas letras temas como a denuncia social ou o empoderamento feminino; do “future latin” de Maurino; e da enerxía de Cool Nenas, sempre preparadas para ofrecer a festa perfecta.

O venres 5 o SonRías Baixas continuará co seu habitual espírito festivo, cheo de potencia e enerxía coas actuacións de Kase.O, que volve a Bueu na súa xira do 10º aniversario del “Jazz Magnetism” despois de esgotar as entradas o ano pasado; Rayden, coñecido pola súa lírica e habilidade para fusionar xéneros musicais sempre definido polo seu xénero de orixe: o rap; Ciudad Jara, que presentará o seu novo disco “Cinema”, nun potente e ecléctico directo; Buhos, o grupo festivo de referencia en Cataluña e no Estado na actualidade; Bala, auténticas referentes da escena do rock/metal alternativo; Emlan, co seu novo e sorprendente show de rock, pop e espectáculo; e García Mc & Nación Quilombo, que nos proporá unha estimulante viaxe polas dez illas do seu "Arquipélago Quilombo”.

O festival pechará esta edición sábado 6 de agosto coas actuacións de Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que está a converterse auténtica revolución para a música tradicional galega; La M.O.D.A., unha das bandas co directo máis potente do momento, presentando o seu “Nuevo Cancionero Burgalés”; Arnau Griso, no que será o seu concerto de despedida ante o público galego; Ezkorzo, unha auténtica bomba enerxizante deseñada para que o público non poida parar nin un segundo; Sara Hebe, sempre imparable e versátil, presentando novo traballo no que será o seu único concerto en Galicia este verán; os ventos e percusións das Balkan Paradise Orchestra; e Suu, que sempre acompañada
polo seu ukelele é xa unha das músicas catalanas máis seguidas e escoitadas na actualidade.

SonRías Baixas, unha ducia de bandas