O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou esta mañá o establecemento artesán Porta da Pía, en Tui, e posteriormente o mercado municipal de Tomiño, recentemente renovado co selo autonómico que o acredita como Mercado Excelente. Durante ambas visitas, destacou as novas iniciativas da Xunta a favor do comercio de proximidade, entre elas a nova orde de axudas ao comercio, dotada con preto de 4 millóns de euros e cuxo prazo de solicitude abre o vindeiro venres, así como a actualización e simplificación dos trámites para obter e renovar o selo de Mercado Excelente, que se publicará este luns 12 no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ambas accións enmárcanse no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
O conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. Na visita á tenda Porta da Pía tamén participou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mentres que en Tomiño estivo presente a alcaldesa, Sandra González.
Axudas para dixitalización, innovación e sustentabilidade
José González subliñou que o sector comercial e artesán é fundamental desde o punto de vista económico, social e territorial pola súa capacidade para xerar emprego, dinamizar vilas e cidades e fixar poboación. Para fortalecer este sector, anunciou que este venres 16 abrirá o prazo de solicitude da liña de axudas publicada no DOG o pasado día 8, destinada a impulsar a dixitalización, innovación e sustentabilidade do comercio minorista e dos talleres artesanais galegos.
O conselleiro explicou que esta orde, da que o pasado ano se beneficiaron máis de 700 negocios, incorpora melloras significativas como a ampliación do período subvencionable, que pasa a incluír investimentos realizados desde o 25 de outubro de 2025, e a simplificación administrativa, ademais da axilización do procedemento de concesión e do sistema de pagos anticipados.
Aposta pola artesanía e impulso a Vilas Vivas
Durante a visita a Porta da Pía, establecemento adherido a Artesanía de Galicia —unha das preto de 50 en toda a comunidade—, José González puxo en valor este proxecto como exemplo da diversidade e riqueza da artesanía galega, lembrando que este sector tamén é destinatario destas achegas.
Ademais, destacou que as intensidades da axuda aumentan do 80% ao 90% nos negocios implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas, un plan piloto que se desenvolve en Ribadavia e no que a artesanía ocupa un lugar central. Neste marco, avanzou que en 2026 se creará a Casa da Artesanía, un espazo estable dedicado aos oficios e á comercialización de produtos artesanais.
Tomiño renova o selo de Mercado Excelente
Posteriormente, o conselleiro desprazouse ao mercado municipal de Tomiño, onde puxo en valor o papel central que desempeñan as prazas de abastos no ecosistema comercial local, destacando a capacidade de adaptación e dinamización deste mercado ante as novas tendencias de consumo.
González felicitou aos placeiros e placeiras pola súa labor e pola renovación do selo Mercado Excelente, lembrando que Tomiño foi o primeiro mercado de Galicia en conseguir esta distinción en 2018. Na actualidade, é un dos catro mercados que ostentan este selo, xunto aos de Pontedeume, Vilagarcía de Arousa e Carballo, este último o máis recente en incorporarse á Rede.
O conselleiro anunciou tamén que este luns 12 a Xunta publicará a orde que actualizará e simplificará os trámites para a obtención e renovación desta certificación, unha redefinición coordinada co sector co obxectivo de alcanzar 25 prazas certificadas en 2030.
Novas accións para 2026 e apoio económico aos mercados
A folla de ruta autonómica inclúe novas iniciativas para 2026 como Prato de Mercado, un programa que mediante showcookings e outras accións pretende fomentar sinerxías coa gastronomía, ademais do reforzo das axudas específicas para estes espazos cun investimento de preto de 4,5 millóns de euros destinado á rehabilitación, dixitalización e dinamización.
Neste contexto, o mercado de Tomiño recibiu en 2025 ao redor de 28.500 euros para o acondicionamento e mantemento das instalacións, a adquisición de material para os postos, accións de mentoring e formación, así como para a campaña Sábados con Sabor.
