A XI Festa do Espumoso convértese na primeira Festa do Espumoso Galego e celebraráse do 5 ao 7 de decembro en Salvaterra
Salvaterra de Miño prepárase para acoller, un ano máis, a súa xa consolidada cita coa burbulla: a XI Festa do Espumoso, que nesta edición dá un salto cualitativo ao transformarse oficialmente na Festa do Espumoso Galego, grazas ao impulso da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).
Esta nova denominación nace co propósito de impulsar o sector elaborador de viños espumosos galegos, dentro do conxunto de produtos que producen as adegas acollidas ás denominacións de orixe (DO) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) do viño de Galicia. Trátase dunha aposta firme da Xunta de Galicia pola diversificación, a innovación e a valorización dos viños galegos, buscando reforzar a súa presenza e recoñecemento tanto no mercado interior como no exterior.
Ao tempo, AGACAL aproveitará esta cita para avanzar nunha das súas liñas estratéxicas: o traballo formativo e divulgativo co sector vitivinícola, promovendo espazos de encontro, aprendizaxe e intercambio de coñecementos que contribúan a mellorar a calidade e competitividade dos viños espumosos galegos.
Tres días de festa e promoción do viño galego
A festa celebrarase os días 5, 6 e 7 de decembro no recinto amurallado de Salvaterra de Miño, un espazo emblemático que volverá acoller unha gran carpa destinada aos verdadeiros protagonistas: os viños espumosos galegos.
As adegas participantes ofrecerán ao público os seus mellores espumosos, acompañados de tapas, doces e cafés, nun ambiente festivo que combina enoloxía, gastronomía, tradición e divulgación profesional. A organización confirmou que nesta edición se potenciará o carácter formativo, con catas comentadas, presentacións técnicas, obradoiros e sesións divulgativas orientadas non só ao público xeral, senón tamén a profesionais do sector.
Nomeamento de novos cofrades
Un dos momentos máis destacados será o nomeamento dos novos cofrades da Cofradía dos Espumosos, que nesta edición serán:
-
Julio Domínguez Salgado, colaborador histórico no montaxe das Festas do Viño do Condado.
-
Luís Javier López Facorro, sommelier de Bodegas Martín Códax e Adegas Galegas.
-
Víctor Manuel Francisco Castro, propietario do restaurante O Frenazo e da vinoteca Xandoneto (As Neves).
-
Ángel Santos Pintos, comercial de Bodegas Martín Códax e Adegas Galegas.
Con estes nomeamentos, a Cofradía recoñece a labor de profesionais e colaboradores que contribúen á difusión, promoción e defensa da cultura do viño na comarca.
Salvaterra, capital galega da burbulla durante tres días
Coa súa nova dimensión galega, Salvaterra de Miño consolídase como referente na elaboración e promoción dos espumosos, converténdose durante tres xornadas no punto de encontro de viticultores, adegas, profesionais e amantes do viño. Unha cita imprescindible para celebrar o traballo das adegas do país, dar visibilidade ao sector e brindar polo futuro dos espumosos galegos.