O XI Entroido Intercentros do Val Miñor enche de humor e creatividade o Auditorio de Nigrán
O Concello de Nigrán celebrou este mediodía no Auditorio Municipal o XI Entroido Intercentros do Val Miñor, unha cita xa consolidada no calendario festivo da comarca e protagonizada polos usuarios dos diferentes centros de día.
Ao acto asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González, e as edís de Maiores e Asuntos Sociais, María Mayán e Bibiana Peixoto; o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; e a concelleira de Benestar Social de Gondomar, Nuria Lameiro, que acompañaron aos participantes nesta xornada marcada pola diversión e a convivencia.
No encontro participaron os centros ‘Botando unha man’ e ‘Bellavista Care’, de Nigrán; Aprehendo e Vila do Conde, de Gondomar; e o Centro Sociocomunitario do Val Miñor, de Baiona.
As comparsas destacaron polo seu humor e creatividade á hora de deseñar os disfraces. O Centro Sociocomunitario do Val Miñor apostou por unha parodia do coche-radar da DGT empregado pola Policía Local de Nigrán; ‘Botando unha man’ e ‘Aprehendo’ sorprenderon cunha representación de galiñas confinadas pola gripe aviar; ‘Vila do Conde’ converteuse nun orixinal ‘museo andante’; mentres que ‘Bellavista Care’ levou ao escenario o mundo mariño.
Todas as agrupacións foron recoñecidas con premios, nunha celebración que puxo en valor o espírito participativo, a creatividade e o traballo conxunto dos centros de día do Val Miñor.