jueves. 19.02.2026

O Entroido chega con forza a Tui esta fin de semana cun programa dobre que promete atraer a miles de persoas ás rúas tudenses. O prato forte será o Desfile-Concurso do sábado, ás 17.00 horas, con doce comparsas procedentes de Tui, O Porriño, Nigrán, Salceda de Caselas, Vigo, Mos e Gondomar. A comitiva partirá do Espazo Feiral e percorrerá as rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e o primeiro tramo da rúa Compostela.

En total, participarán 975 persoas e desfilarán 19 carrozas, nunha exhibición de humor, creatividade e enxeño. Abrirá o desfile a Asociación Cultural Pontellas do Porriño coa proposta “A danza das Amazonas”, seguida de Parada do Miñor de Nigrán con “O virus do Entroido”. Tamén estarán presentes dúas comparsas de Salceda —Amigos do Carnaval e San Xurxo— e grupos de Vigo e Mos, como Os da Casa (“Sabores do Mundo”), Os Feiticeiros (“O Circo dos Feiticieiros”) ou Nosa Terra (“Pa Mala Yo”), entre outras.

O percorrido continuará con representación tudense, como Entroido de Pexegueiro (“Llegó Papá”) e a Banda de Música Popular de Tui (“Cantos Fumos – Tui Capital Histórico do Turismo Político”), que pechará a participación. O xurado repartirá premios nas categorías xeral, carrozas, parodia, coreografía e música. Mentres se deliberan os galardóns (de 19.00 a 20.00 horas) e tras a entrega (de 21.00 a 23.00), actuará a orquestra Triunfo.

A festa continuará o domingo coa despedida tradicional do Entroido: o Enterro do Bacallau, unha comitiva de rigoroso loito na que participarán as comparsas xunto a centos de persoas. Sairá ás 19.30 horas da praza de San Fernando, coa lectura das coplas, e seguirá por Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, Camilo José Cela, Praza de Galicia e Lugo, ata rematar no aparcadoiro municipal, onde terá lugar a incineración do Bacallau.

O Concello reforza este ano a programación tamén durante o día, con animación musical pola mañá e pola tarde. A charanga tudense Cantos Somos actuará de 12.00 a 14.00 horas, e por vez primeira contaráse na cidade coa Batucada Levada Arraiana de Estás (Tomiño), de 17.00 a 19.00 horas, para manter o ambiente festivo ao longo da xornada.

Restricións de tráfico e estacionamento
Polo desfile do sábado, permanecerán pechadas ao tráfico e sen estacionamento as rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e Compostela de 10.00 a 21.00 horas. Non se poderá estacionar no aparcadoiro municipal desde as 8.00 do sábado ata as 8.00 do luns 23, nin no Espazo Feiral de 8.00 a 20.00 horas do sábado. O Camiño Ricamonde estará pechado ao tráfico e ao estacionamento de 14.00 a 20.00 horas.

Polo Enterro do Bacallau, nas rúas Camilo José Cela, Praza de Galicia e Lugo non se poderá estacionar de 14.00 a 21.00 horas e quedarán pechadas á circulación de 19.00 a 21.00 horas.

Tui vive un Entroido de dobre cita con desfile, música e o tradicional Enterro do Bacallau
Comentarios