martes. 23.04.2024

Todo preparado en Tui para o inicio este sábado das Festas de San Telmo 2023. O polifacético actor, presentador e monologuista Carlos Blanco será o encargado da lectura do pregón o sábado, ás 12.45 h na praza da Inmaculada.

Xa dende ás 12 h a charanga Cantos Somos e os Xigantes e Cabezudos estarán na praza da Inmaculada, onde a esa mesma hora comeza o II Encontro de Viños da Raia no que van participar a Adega Corisca, de Tui; Adega do Vimbio, de Tomiño; Adega Edmun do Val, de Valença; Sergio Álvarez, do Rosal; Lagar Pedregales, de Tomiño; Adega do Ricón, de Arbo; Adega Pateira, do Rosal; Márcio Lopes, de Melgaço, Adega María Bargiela, de Salvaterra de Miño e Jorge Marcote Viticultor de O Rosal. Tamén haberá distintos postos de comida que ofrecerán petiscos coma xamón, queixo, patés, empanadillas… Unha cita gastronómica que terá lugar tanto o sábado coma o domingo de 12 a 15 h e de 19 a 22 h.  No marco deste encontro o sábado ás 19 h presentaranse os viños da enóloga tudense Susana Esteban no interior do edificio da propia praza da Inmaculada, sendo preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo. No mesmo lugar ás 20.30 h terá lugar a presentación do libro “A nación dos mil viños” de  Martiño Santos, Xosé Gontá Sobrino e Toño Núñez Amigo-Rivadulla publicado por Edicións Laiovento.

Neste primeiro día das Festas ás 18.30 h no Teatro Municipal de Tui terá lugar a III Gala Premios Cidade de Tui na que se recoñecerá a nivel individual ao médico Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, e no colectivo á Radio Municipal de Tui. Unha hora despois, ás 19.30 h, na Sala de Exposicións Municipal será inaugurada a mostra “As orixes da fotografía de Tui”.  A continuación as bandas de gaitas Arume de Malvas, e Lembranzas da Terra de Guillarei desfilarán dende o edificio Francisco Sánchez até a Corredoira onde actuarán.

Ás 22 h no Espazo Feiral celebrarase o primeiro gran concerto das festas a cargo de Nena Daconte e Rafa Sánchez, que ofrecerán os seus grandes éxitos e tamén os novos temas dos seus traballos discográficos. Así no concerto poderemos escoitar ‘Lobo hombre en París’ ou ‘Maracaibo’ xunto aos novos temas que ten composto Rafa Sánchez, ex de la Unión como ‘Vístete princesa’. Mentres Nena Daconte  interpretará  ‘Tenía tanto que darte’, ‘El Aleph’ e os temas do seu novo disco 'Casi Perfecto' como ‘Despiértame, Madrid’ e ‘Detrás de cada luz’, entre outros.

Na parte gastronómica amais do II Encontro de Viños da Raia prosegue en Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo  Cabalo Furado e Parador de Tui a Festa do Meixón, sendo preciso reserva previa en cada establecemento.

Tui inicia as festas de San Telmo
Comentarios