Tui xa está lista para gozar da fin de semana central das súas Festas de San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego. Unha completa programación que se estenderá até o luns 28, festivo local, e que ofrece unha variada oferta de actividades que inclúen deporte, concertos, gastronomía, verbenas, espectáculos familiares e animación de rúa. O paseo da Corredoira, o Espazo Feiral, o Teatro Municipal, o Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, a rúa Compostela, a praza de San Fernando e San Bartolomeu serán os principais escenarios desta celebración.
No Espazo Feiral, situado na confluencia da rúa Mártires de Sobredo e a avenida da Concordia, os asistentes poderán atopar casetas gastronómicas de asociacións culturais, as tradicionais atraccións e unha serie de espectáculos. Mañá sábado, a orquestra Olympus ofrecerá dúas actuacións, a primeira ás 21:00 h e a segunda ás 23:00 h. A noite continuará coa sesión Tui Mix, a cargo de dj Enter e dj Bacardit. O domingo, a orquestra Kubo será a encargada de amenizar a noite con pases ás 21:00 h e ás 00:00 h.
O paseo da Corredoira será o epicentro de diversas actividades ao longo da fin de semana. Mañá sábado, a partir das 11:00 h, terá lugar a Carreira Popular I Memorial Xosé Martínez Tato, que contará coa participación de 850 persoas en diferentes categorías. Ás 12:00 h, a Charanga Cantos Somos porá a nota musical. Pola tarde do sábado, Barafunda animará as rúas co seu pasarrúas “Tucáns”. O domingo, a actividade na Corredoira comezará ás 12:00 h coa actuación da Charanga A tu Ritmo, e ás 20:00 h volverá a Charanga Cantos Somos. Ademais, haberá dous pasarrúas: ás 18:00 h Mariposas Hípicas Celta e ás 19:00 h Troula Animación presentará “Psichodelia”. Tamén o domingo na Corredoira, o Ateneo Musical de Bembrive ofrecerá un concerto ás 12:30 h, e a Banda de Música Popular de Tui actuará ás 18:00 h.
            
            
              