O Concello de Tomiño vén de captar arredor de 400.000 euros en fondos europeos para poñer en marcha o proxecto Eurocidade Intelixente, unha iniciativa conxunta con Vila Nova de Cerveira e a Universidade de Vigo que busca dar un impulso decisivo ao futuro Parque Agroindustrial, actualmente en fase de tramitación urbanística.
O investimento total do proxecto superará os 520.000 euros e servirá como aval para consolidar un polo industrial transfronteirizo, baseado na innovación, a sustentabilidade e a especialización intelixente nos sectores agrícola e industrial.
Un ecosistema emprendedor máis competitivo e resiliente
A iniciativa aposta por crear un ecosistema empresarial máis forte e resiliente, apoiándose en criterios de especialización intelixente, innovación e sustentabilidade.
Entre as accións previstas destacan:
-
A elaboración dunha Axenda Estratéxica de Especialización Intelixente e Transición Industrial.
-
O mapeo do tecido empresarial e dos axentes clave da Eurocidade.
-
A formulación dun plan estratéxico conxunto para os próximos anos.
Sandra González: “Tomiño volve ser pioneiro na captación de fondos europeos”
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, puxo en valor que o municipio “unha vez máis é pioneiro na captación de fondos europeos” e que este novo financiamento se suma aos máis de 5 millóns de euros de fondos europeos que se executarán en 2026.
“O proxecto permitirá a dinamización e o empurre definitivo ao Parque Agroindustrial, reforzando a economía local, xerando emprego e mellorando a calidade de vida da veciñanza. É unha boa nova que demostra que todo o esforzo que facemos dende o Concello para captar fondos europeos dá os seus froitos”, recalcou a rexedora.
Apoio ao emprendemento, startups e tecnoloxías innovadoras
O plan inclúe accións específicas para favorecer a chegada de novas empresas ao Parque Agroindustrial Transfronteirizo, con iniciativas como:
-
Programas de incubación e aceleración de startups.
-
Apoio ao emprendemento e á captación de investimento empresarial.
-
Implantación de tecnoloxías innovadoras como automatización, Internet das Cousas (IoT) e economía circular.
A Universidade de Vigo creará un Laboratorio de Innovación para a Sustentabilidade
A Universidade de Vigo terá un papel clave no desenvolvemento do proxecto, colaborando na:
-
Formación técnica e desenvolvemento de competencias para a especialización intelixente.
-
Creación de alianzas estratéxicas.
-
Posta en marcha dun Laboratorio de Innovación para a Sustentabilidade, que servirá como espazo de apoio e experimentación aplicada ao ámbito industrial e agrícola.
INTERREG VA POCTEP: cooperación transfronteiriza como motor de progreso
O proxecto está financiado con fondos INTERREG VA POCTEP, consolidando a cooperación entre Tomiño e Cerveira e reforzando o papel da Eurocidade como un motor de desenvolvemento económico, social e ambiental para toda a comarca.
Con esta iniciativa, ambas as dúas localidades reafírmanse na visión do río Miño como eixo de unión e progreso compartido, impulsando un modelo de crecemento baseado na innovación e na sustentabilidade.
