sábado. 28.02.2026

Baiona volveu converterse esta fin de semana no epicentro da historia e do turismo galego coa celebración da trixésima edición da Festa da Arribada, declarada de Interese Turístico Internacional. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, encabezou a visita institucional a esta cita que conmemora a chegada da carabela La Pinta ao porto baionés o 1 de marzo de 1493, convertendo a vila no primeiro lugar de Europa en coñecer a existencia do Novo Mundo.

260228_Prsdnt_Arribada_MAC-08
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén no acto oficial da XXX Festa da Arribada de Baiona, acompañado por autoridades e coa imaxe da carabela Pinta como pano de fondo.

Rueda destacou que a Arribada é “o mellor exemplo de como Galicia sabe coidar a súa historia e transformala nun motor de proxección exterior”. O titular do Goberno galego puxo en valor que Baiona é “un dos concellos referentes en turismo na comunidade” e unha mostra da “Galicia Calidade que estamos reivindicando outra vez”.

O presidente subliñou a importancia dun evento que reúne cada ano a máis de 200.000 persoas e que contribúe á desestacionalización turística, consolidándose como “o turismo do futuro que nos representa a todos”. Ademais, salientou o crecemento do Camiño Portugués da Costa, que en 2025 medrou un 20% e xa supón o 17% do total de peregrinos, moitos dos cales coinciden estes días coa ambientación medieval da vila. “Abrimos os brazos a todo o que queira vir, aquí non sobra ninguén”, concluíu.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, definiu a Arribada como un sinal de identidade do tirón turístico das Rías Baixas e como mostra dos lazos históricos entre Galicia e América. Nun acto celebrado no Paseo Pinzón, acompañado tamén polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e representantes dos municipios irmandados de Palos de la Frontera e Santa Fe de la Vega, López puxo o acento na dimensión simbólica do evento.

“Hoxe, nun contexto de fronteiras e guerras, non sobra lembrar que coa Arribada da Carabela Pinta a Humanidade atopou na mestura de acentos e no intercambio de culturas un dos seus maiores motores de progreso”, afirmou. O presidente provincial destacou que Galicia pasou de ser terra de despedidas a capital turística “na que ninguén é forasteiro”.

260228_Prsdnt_Arribada_MAC-02
Foto de familia das autoridades asistentes á trixésima edición da Festa da Arribada de Baiona, nun acto que conmemora a chegada da carabela Pinta ao porto baionés en 1493.

A xornada institucional comezou coa recepción oficial na Casa do Concello e continuou co desfile ata o Paseo Pinzón, acompañados pola Banda de Música de Baiona. A cerimonia rematou coa tradicional ofrenda floral aos pés da estatua de Martín Alonso Pinzón, nun escenario marcado pola Fortaleza de Monterreal, a Virxe da Roca, a réplica da carabela e as Illas Cíes como pano de fondo.

Cinco séculos despois daquel primeiro contacto entre Europa e América, a Arribada consolídase como unha das grandes bandeiras turísticas das Rías Baixas e como símbolo dunha Galicia aberta ao mundo que fai da súa historia unha oportunidade de futuro.

Rueda reivindica na Arribada de Baiona a Galicia que coida a súa historia e a converte...
Comentarios