O Rosal brinda polo éxito da XXXIII Feira do Viño: "Unha feira viva, orgullosa, segura e sostible"
O Rosal (Pontevedra) volveu ser o epicentro do viño e da alegría durante tres días intensos. A XXXIII Feira do Viño, celebrada do 18 ao 20 de xullo, pechou cun balance extraordinario que supera todas as expectativas, tanto en participación como polo ambiente inigualable que se viviu na Praza do Calvario. Centos de familias atoparon nela o refuxio perfecto para gozar dun programa completo e pensado para todas as idades.
"Este ano sentiuse algo especial: esa calor humana que só se dá cando un pobo goza unido. Foi unha feira viva, orgullosa, segura e sostible", resumiu a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visiblemente emocionada e agradecida polo incansable traballo de todo o equipo municipal e da veciñanza.
Tempo cómplice e a aposta firme pola sostibilidade
O tempo acompañou na maior parte da fin de semana, con temperaturas moderadas e un ceo cuberto que favoreceu que o público puidese gozar da feira durante máis horas ao día. Nin sequera a breve chuvia do sábado á tardiña conseguiu deter a festa, pois os asistentes permaneceron baixo a carpa gozando do concerto sen interrupción.
Un dos grandes avances desta edición foi a decidida aposta pola sostibilidade. A presenza de vasos reutilizables, a instalación de puntos de auga e a organización de actividades de sensibilización ambiental, como un posto de xogos de reciclaxe e compostaxe, converteron a feira nun auténtico exemplo de evento con conciencia ecolóxica. A seguridade tamén foi prioritaria, reforzándose coa presenza da Policía Local, Protección Civil, Garda Civil e un servizo de autobuses ampliado, garantindo que a festa fose máis segura para todos.
Un pregón con "poesía" e programación para todos os gustos
A programación destacou pola súa diversidade e calidade. A inauguración do venres contou cun emotivo pregón a cargo de Ziyang Zhang, asesor vitivinícola da Embaixada de China, quen capturou a esencia da feira coas súas palabras: "Vengo de un país donde el té es arte, pero he descubierto que en Galicia, y especialmente en O Rosal, el vino también es poesía".
Ademais das catas profesionais e as actividades divulgativas sobre o viño, a música puxo a nota de alegría con grupos como La Patrulla, Os Bregadiers, Meigallo, Famous Corner ou Andhrea and the Black Cats. Os pasarrúas e os espectáculos infantís como "O tranvía Leonardo" ou "Pepiña Maruxiña quere voar" garantiron a diversión dos máis pequenos.
Non faltou o espazo para o patrimonio, con visitas guiadas ao retablo da igrexa e ao Museo do Cabaqueiro, nin para a creatividade, co orixinal Escape Room "Segredos entre barricas" e as exposicións de Berto Franco, Ramón González e o Grupo Filatélico.
Un brinde polo viño e a identidade: Os Cabaqueiros de Honra
Un dos momentos máis entrañables da fin de semana foi o nomeamento dos Cabaqueiros e Confrades de Honra, no que D. Alfonso Dorado Senra recibiu a súa homenaxe entre aplausos e o afecto colectivo.
Con ese mesmo sentimento de unión e orgullo, a feira pechouse cun sorriso compartido e un brinde que foi moito máis alá da simple celebración do viño. Foi un brinde polo que o viño do Rosal representa: a identidade dunha terra e dunha xente. Como ben expresou Ziyang Zhang: "Cando un viño do Rosal chega a unha copa en Shanghái ou en Pekín, non só se brinda polo seu sabor: bríndase por Galicia enteira". A XXXIII Feira do Viño do Rosal demostrou, unha vez máis, a forza dunha tradición que une e enorgullece a toda unha comarca.