martes. 25.06.2024

A cantina de Novás renace máis moderna e sostible tras a reforma e rehabilitación realizada polo Concello do Rosal. O Goberno local levou a cabo a transformación integral desta emblemática instalación municipal para convertela nun espazo máis acolledor, amable, confortable e funcional para todos os veciños e veciñas.

Como resaltou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “estas obras supoñen un paso importante para poder seguir fortalecendo os lazos de rosaleiros e rosaleiras nesta parroquia, renovando as instalacións municipais e recuperando espazos para o uso e desfrute de todos e todas”.

Unha renovación que comezou no interior co illamento térmico das instalacións, un paso fundamental para garantir o confort das persoas usuarias, e coa modernización da instalación eléctrica e a mellora da iluminación, apostando pola incorporación de tecnoloxía LED. Dúas reformas que continúan a liña estratéxica do Concello “de continuar reformando as instalacións municipais en clave sostible, mellorando a eficiencia enerxética, contribuíndo a reducir a nosa pegada de carbono e facendo do Rosal un lugar máis verde”.

Por outra banda, o interior foi acondicionado con taboleiros de madeira prensada hidrófuga, procedeuse ao pintado interior e exterior, acondicionouse a pista de balonmán e abriuse unha porta lateral na cantina que agora dá directamente a esta pista.

Pero máis alá das melloras físicas, o verdadeiro corazón da cantina de Novás reside no tempo que as mulleres da parroquia pasan alí cada xoves cun grupo de costura moi especial. Este lugar converteuse nun verdadeiro refuxio para elas, un espazo seguro no que compartir experiencias, vivencias, afeccións e, sobre todo, moito tempo xuntas. “É un espazo no que compartir máis que agullas e fíos, é un lugar no que compartir risas, historias e compañeirismo”, recalcou a alcaldesa.

Todas elas son autodidactas e van aprendendo semana a semana unhas das outras nun ambiente totalmente relaxado e de amizade no que sempre hai espazo para outra costureira máis con gañas de aprender ou de ensinar. E é que ademais de tecer camisolas, tapetes e todo tipo de prendas que se poidan imaxinar, elas tecen unha rede de compañeirismo máis alá das paredes da cantina: cando algo lles resulta complicado e precisan da voz da experiencia, chaman a outras veciñas para que as ensine, demostrando unha vez máis a forza e solidariedade da parroquia.

Non só as mulleres atopan nesta cantina un lugar de encontro e convivencia. A Comisión de Festas de Novás emprega estas instalacións para a organización e desfrute dos festexos da parroquia, estendendo esa unión entre veciños e veciñas por todos os recunchos de Novás.

Con estas melloras, a cantina non só revive a súa importancia como punto de encontro veciñal, senón que se erixe como un símbolo do espírito comunitario da parroquia. Un espazo no que o tempo compartido vale máis que calquera outra cousa.

A remozada cantina de Novás
Comentarios