Rehabilitación dos lavadoiros tradicionais en Vigo

Lavadoiro da Xunqueira-Lago, en Candeán
Unha subvención de 449.231 euros para contratar ao persoal que traballará no proxecto municipal de rehabilitación dos lavadoiros tradicionais de Vigo. Outros concellos da área de Vigo que tamén recibirán axudas para diferentes proxectos.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este xoves da concesión dunha subvención de 449.231 euros para contratar ao persoal que traballará no proxecto municipal de rehabilitación dos lavadoiros tradicionais de Vigo.

Segundo indicou a representante autonómica, trátase das axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinadas a entidades locais para contratar a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. A través da convocatoria do ano 2022, o Goberno galego aprobou a contratación de nove traballadores (oficial albanel) durante nove meses cunha xornada do 75%.

Outros concellos da área de Vigo que tamén recibirán axudas para diferentes proxectos son Salceda de Caselas (53.770 euros), Mos (79.919), Pazos de Borbén (13.453), Cangas (134.000), Baiona (74.907), O Porriño (103.244), Moaña (73.778), Soutomaior (68.247), Gondomar (63.338), Salvaterra de Miño (69.190), Fornelos de Montes (21.215), Redondela (156.628) e Nigrán (52.270). En total, as subvencións dos municipios da área suman 1.413.190 euros. 

Poden ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o cal se concede a subvención.