A programación cultural de verán do Concello de Tui continúa esta fin de semana cunha proposta de cine para toda a familia. Este venres, a partir das 22.15 h, a Praza do Pracer acollerá a proxección de "A elefanta do mago", unha película de animación dirixida por Wendy Rogers.
Baseada na aclamada novela de Kate DiCamillo, a cinta narra a historia de Peter, un mozo orfo que busca desesperadamente á súa irmá Adel, desaparecida hai moitos anos. O seu camiño crúzase co dunha enigmática adiviña que lle revela o seu destino: para atopar a súa irmá, deberá buscar a unha misteriosa elefanta e o mago que a conxurou.
Con esta iniciativa, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso de ofrecer alternativas de lecer pensadas para o goce de todas as idades durante as noites de verán. Unha oportunidade perfecta para gozar do cine ao aire libre nun dos espazos máis emblemáticos da cidade.
