O Porriño prepárase para un fin de semana vibrante que mestura deporte, solidariedade e unha ampla programación cultural, servindo de antesala ás próximas Festas do Cristo. O punto álxido será este domingo coa celebración conxunta da III Carreira de Empresas de Galicia e a XIV Interrunning, que congregará a preto de 2.000 persoas nas rúas do casco urbano.
A xornada, que atraerá a atletas afeccionados e profesionais de todas as idades, destaca ademais polo seu triplo compromiso solidario, apoiando á Asociación Española Contra o Cancro, a Aceesca e Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias).
Día Mundial do Alzhéimer e programa de carreiras
Coincidindo coa celebración da carreira, este domingo 21 de setembro conmemórase o Día Mundial do Alzhéimer. Como mostra de apoio a Afaga e ás persoas afectadas, a casa consistorial iluminarase de verde ao caer a noite.
A programación deportiva do domingo comezará ás 09:30 horas coa Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros. Ás 11:30 horas tomarán a saída as carreiras de 5K e 10K, e a mañá pecharase coas carreiras infantís de Pitufos (12:45 h) e Chupetes (12:50 h).
Tras a entrega de premios, o ambiente festivo continuará cunha "after run party" aberta ao público, con música, agasallos e a visita da foodtruck "Galicia Sabe Amar", que ofrecerá petiscos de peixe e marisco galegos de 09:30 a 14:00 horas.
Música urbana e marionetas no programa cultural
Paralelamente á Interrunning, o Parque Infantil acollerá o festival de música urbana e batallas de baile SummerSon Jam. A xornada arrincará ás 10:00 horas cun workshop de hip hop e continuará coas competicións de beginners (12:00 a 14:00 h) e advanced (a partir das 16:00 h). O broche de ouro porao o concerto de Law ás 20:30 horas.
Para o público familiar, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas "A morte de don Cristóbal" ás 19:30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
Festa do Peregrino e do Turista
A actividade festiva arranca xa este sábado, a partir das 16:00 horas, coa Festa do Peregrino e do Turista. A xornada incluirá un photocall para selar a credencial, visitas guiadas ("Camiñando polo Porriño" e "O Porriño con ollos de peregrino" con obradoiro de pintado de cunchas) e música local, pechando co concerto das pandereteiras Alxibeiras de Ponteareas ás 19:00 horas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliña que "O Porriño énchese de vida cunha programación cultural e deportiva pensada para todos os públicos e que serve de antesala perfecta á fin de semana grande das Festas do Cristo. Convidamos a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar desta fin de semana, chea de cultura, deporte, solidariedade e tradición...".
Ademais, o sábado pola tarde o campo municipal do Carballo acollerá a última xornada do Torneo Resmine-Atios Cup 2025 coa categoría benxamín.
