jueves. 12.02.2026

O Concello do Porriño celebrou esta mañá a Xunta Local de Seguridade, na que se fixo balance dos datos en materia de seguridade correspondentes a 2025 e ao inicio de 2026, ademais dunha análise específica da situación da violencia de xénero no partido xudicial do Porriño.

A reunión contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; da xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno, María José Rodríguez Pérez; do tenente coronel Óscar Grañas e do tenente comandante da Garda Civil do Porriño, David Mejuto; do capitán da Garda Civil e xefe da Compañía de Vigo, Rafael Antonio Pereira; do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do concelleiro de Seguridade, Abel Estévez; do tenente de alcalde, Carlos Martínez; e do secretario municipal, Eduardo Portela. Tamén asistiron, pola Policía Local, o inspector principal xefe Daniel Rodríguez e os oficiais Antonio Pereira e Jesús Costas.

Datos de seguridade en 2025

No apartado xeral da Garda Civil, durante 2025 rexistráronse 782 infraccións penais, con 315 feitos esclarecidos, ademais de 421 infraccións administrativas. Entre os delitos contabilizados figuran 65 lesións, 183 estafas, 79 furtos e 19 roubos con forza en vivendas. En relación co tráfico ou consumo de drogas, as actuacións aumentaron de 112 en 2024 a 136 en 2025.

Pola súa banda, a Policía Local realizou en 2025 un total de 50 detencións, das cales 44 foron homes e 6 mulleres, nun contexto de maior actividade preventiva e de traballo coordinado. O delito con maior número de detencións foi o cumprimento de requisitorias xudiciais, con 24 persoas detidas. Tamén se abordaron actuacións por roubo con forza, abuso sexual, resistencia ou desobediencia a axentes, violencia de xénero, quebrantamento de medidas cautelares e delitos contra a saúde pública.

Seguridade viaria

No eido da seguridade viaria, ao longo de 2025 foron investigados 46 condutores (40 homes e 6 mulleres) por distintos delitos, principalmente vinculados á condución baixo os efectos do alcohol (18 investigados), seguido de 9 por carecer de permiso de conducir e 16 por perda de vixencia do mesmo. Ademais, un condutor foi investigado por negarse ás probas de detección alcohólica, uns datos que, segundo se salientou, reflicten o reforzo dos controis e da prevención.

Violencia de xénero: balance e coordinación

A Xunta Local de Seguridade analizou tamén os datos relativos á violencia de xénero no partido xudicial do Porriño. En 2024 rexistráronse 94 denuncias, mentres que en 2025 a cifra foi de 83. Das 83 denuncias do ano pasado, existen actualmente 60 casos activos no sistema VioGén: 33 contan con orde de protección en vigor, 6 teñen asignado o servizo telefónico ATENPRO, 58 están catalogados con risco baixo e 2 presentan risco medio.

No seguimento destes casos activos, 17 están supervisados pola Policía Local e 44 pola Garda Civil, no marco da coordinación establecida entre ambos corpos.

En canto ao financiamento, o Concello recibe 29.911 euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, destinados a políticas de prevención, atención e sensibilización. Durante a reunión, María José Rodríguez Pérez fixo unha mención expresa ao Centro de Información á Muller (CIM) e á Concellería de Igualdade do Porriño, destacando a boa xestión dos recursos e o traballo continuado no acompañamento ás vítimas.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia da cooperación entre administracións e forzas de seguridade: “A cooperación e a coordinación son fundamentais”, agradecendo unha labor “moitas veces non visible” pero decisiva para protexer ás persoas e manter a convivencia. Lorenzo puxo tamén o foco no compromiso municipal: “A loita contra a violencia de xénero é unha prioridade absoluta. Detrás de cada cifra hai unha persoa que precisa apoio, protección e recursos”, asegurando que o Concello seguirá destinando todos os medios ao seu alcance para protexer ás vítimas.

Con esta xuntanza, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá e coa defensa dos dereitos das mulleres, apostando pola cooperación institucional e pola mellora continua das políticas públicas no municipio.

O Porriño reforza a coordinación en seguridade e baixa as denuncias por violencia de...
Comentarios