O Porriño recibe máis de 113.000 euros da Xunta para mellorar a xestión de residuos

O alcalde, Alejandro Lorenzo, afirmou que é unha "gran noticia" para o municipio, subliñando que permitirá "avanzar cara a un modelo máis sostible, moderno e responsable na xestión dos residuos"
O Porriño recibe máis de 113.000 euros da Xunta para implantar en 2025 sistemas de recollida separada de biorresiduos, aceite de cociña usado e téxtil. Esta subvención permitirá ao concello avanzar cara a unha xestión de residuos máis sostible e aumentar a concienciación ambiental entre a veciñanza.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático concedeu ao Concello do Porriño unha subvención que supera os 113.000 euros, destinados a financiar actuacións municipais en materia de residuos durante o ano 2025. Estes fondos permitirán a implantación de sistemas de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e residuos téxtiles, avanzando cara a unha xestión ambiental máis eficiente e sostible no municipio.

A partida máis importante, de 74.970 euros, dedicarase á implantación do sistema de recollida de biorresiduos. Esta actuación incluirá o subministro de cubos e contedores para uso doméstico e grandes xeradores, bolsas compostables, así como o desenvolvemento de campañas de información e sensibilización dirixidas tanto á poboación xeral como aos grandes produtores de biorresiduos.

Ademais, o Concello do Porriño destinará máis de 20.000 euros á posta en marcha dun sistema de recollida separada de aceite de cociña usado, que incluirá o reparto de 5.000 embudos entre a veciñanza. Outros 18.000 euros permitirán desenvolver un proxecto específico para a recollida de residuos téxtiles, mediante a entrega de 2.500 sacas reutilizables.

Estas medidas contribuirán de maneira significativa á redución da cantidade de residuos que actualmente se depositan en vertedoiros, á vez que se incrementará a porcentaxe de materiais reciclados e se fomentará unha maior conciencia ambiental entre os cidadáns do Porriño sobre a importancia do coidado do medio ambiente.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, cualificou esta axuda como unha "gran noticia" para o municipio, subliñando que permitirá "avanzar cara a un modelo máis sostible, moderno e responsable na xestión dos residuos", mellorando os servizos e fomentando a conciencia ambiental.

Pola súa banda, o concelleiro responsable da área de residuos, Carlos González, destacou o traballo do Concello para conseguir esta subvención, afirmando que "levamos tempo traballando para mellorar a separación dos residuos no municipio e esta achega vai ser clave para continuar coa implantación de novas solucións técnicas e informativas", permitindo dar un "salto cualitativo" na recollida de biorresiduos, aceite usado e téxtil.

O proxecto desenvolverase ao longo do ano 2025 e representa un paso importante para o Porriño na mellora da reciclaxe e no cumprimento dos obxectivos establecidos pola normativa europea e autonómica en materia de residuos.