miércoles. 19.11.2025

O Concello do Porriño conmemorará este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun extenso programa de actividades presentado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e pola concelleira de Igualdade, Carolina González. Baixo o lema “Non á violencia, si a unha sociedade libre, xusta e segura”, o municipio renova o seu compromiso coa loita contra todas as formas de violencia machista, apostando pola prevención, a educación e a concienciación social.

“O Porriño non pode nin quere permanecer en silencio ante a violencia machista. A educación, a implicación da cidadanía e o apoio ás vítimas son a nosa prioridade”, subliñou o alcalde. Pola súa banda, González destacou “a importancia de facer visible esta realidade os 365 días do ano e de ofrecer recursos efectivos para avanzar cara a unha sociedade verdadeiramente libre e igualitaria”.

Actos centrais o 25N: lazo humano, Punto Violeta e nova Praza 25N

A programación comezará o luns coa colocación dun lazo morado na fachada do Concello, símbolo de apoio ás vítimas e de rexeitamento rotundo da violencia de xénero.

O propio día 25, ás 12:00 horas, instalarase na Praza do Concello o Punto Violeta, un espazo de información e sensibilización. De forma simultánea celebrarase a inauguración da Praza 25N, situada fronte á igrexa parroquial de Santa María, que aspira a converterse nun lugar de memoria colectiva e referencia na loita contra esta lacra.

Un dos momentos máis emotivos será o lazo humano formado polo alumnado de 2º da ESO dos centros educativos, que portará cartolinas moradas co nome das vítimas deste ano. O acto concluirá cun minuto de silencio e un concerto de corda da Escola de Música do Porriño.

Un compromiso que continúa todo o ano

O programa municipal non se limita ao 25N, senón que inclúe accións continuadas ao longo de todo o ano. Entre elas destacan:

  • II Xornadas 25N: “A prevención da violencia de xénero e a protección das vítimas, dende unha perspectiva social e tecnolóxica”.

  • Cursos de defensa persoal para alumnado de 1º de Bacharelato dos IES do municipio, impartidos trimestralmente.

  • Taller de empoderamento feminino, destinado a vítimas e a todas as mulleres que desexen fortalecer a súa autonomía persoal.

  • Proxecto de patios coeducativos, dirixido ao alumnado de 3º de Primaria durante todo o curso 2025/2026, para fomentar valores igualitarios desde a infancia.

Unha aposta permanente pola igualdade e a seguridade das mulleres

Coa posta en marcha deste programa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero, a memoria das vítimas e a construción dun futuro no que todas as mulleres poidan vivir en liberdade, dignidade e seguridade.

O Porriño reafirma o seu compromiso contra a violencia machista cun amplo programa polo...
Comentarios