O Porriño e a protectora INMA unen forzas contra o maltrato animal tras un grave caso de violencia contra un gato comunitario

Un momento de la reunión
Tras un acto de crueldade contra un gato comunitario, O Porriño e a protectora INMA unen esforzos con campañas de sensibilización e reforzo da vixilancia, ademais dun punto informativo este sábado para fomentar o voluntariado na protección animal.

Tras a recente aparición de varios actos de violencia exercida sobre gatos comunitarios, o Concello do Porriño e a asociación protectora de animais INMA mantiveron unha reunión de coordinación para intensificar a súa colaboración na loita contra o maltrato animal. Esta alianza implicará o desenvolvemento de campañas de sensibilización, a organización de actividades formativas e o apoio na presentación de denuncias ante as autoridades competentes, contando coa participación activa da Concellería de Medio Ambiente e da Policía Local.

A finais de decembro de 2024, o Concello do Porriño adxudicou á asociación INMA o contrato para a xestión das colonias felinas, un servizo orientado a garantir o benestar destes animais e o control da súa poboación, en consonancia coa lexislación vixente e promovendo unha xestión ética e responsable.

Na pasada semana, INMA informou ao Concello dun grave incidente: a morte dun gato pertencente a unha colonia controlada, que faleceu tras recibir dous disparos. O animal foi descuberto pola persoa encargada da súa alimentación agochado na súa caseta, con evidentes dificultades para moverse e un comportamento inusualmente dócil. Malia ser trasladado con vida a unha clínica veterinaria, o felino faleceu poucas horas despois. A necropsia revelou a presenza de dous proxectís, un aloxado no fémur e outro na cavidade abdominal.

Tras coñecer os feitos, estes foron inmediatamente comunicados á Garda Civil, solicitándose a apertura dunha investigación para esclarecer o sucedido e identificar ao autor ou autores dos disparos. A Policía Local está a colaborar activamente na investigación e reforzará a vixilancia nas áreas onde se localizan colonias felinas.

O Concello reafirma o seu compromiso de seguir traballando para lograr unha mellora real na vida dos animais e fomentar unha convivencia pacífica entre estes e a veciñanza. Neste sentido, o Concello e a asociación INMA organizarán unhas xornadas informativas de concienciación contra o abandono e o maltrato animal, abertas a toda a cidadanía.

Ademais, o vindeiro sábado 17 de maio, a asociación INMA instalará un punto informativo na praza Arquitecto Antonio Palacios, en horario de 17:00 a 21:30 horas. Neste espazo, darase a coñecer o labor da asociación, promoverase a concienciación sobre o benestar animal e ofreceranse vías para que a cidadanía poida colaborar como voluntaria.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que “esta colaboración é un paso máis na nosa loita pola protección animal. Queremos que Porriño sexa un lugar onde os animais sexan tratados con respecto e cariño”.

Pola súa banda, a presidenta da asociación INMA, Ana Dios, destacou que “a colaboración entre Concello, asociación, persoas alimentadoras e cidadáns é fundamental para lograr o noso obxectivo: axudar ao maior número de animais posible e garantir o seu benestar”.

Lémbrase á cidadanía que todas aquelas persoas que alimenten colonias felinas deben rexistralas no Concello, presentando o Anexo I do protocolo de control de colonias felinas, aprobado definitivamente o pasado 21 de marzo de 2025.

Finalmente, o Concello fai un chamamento á veciñanza para colaborar activamente coa protección dos animais. As persoas interesadas en ser voluntarias poden contactar coa asociación INMA no teléfono 623 59 39 53, por correo electrónico a inmaasociacion@gmail.com ou a través das súas redes sociais (Facebook e Instagram). Precísanse voluntarios para a alimentación de colonias, recollidas solidarias de alimentos, casas de acollida para nais e crías, traslados a clínicas veterinarias e labores de coidado no refuxio.