O Porriño lanza o V Concurso Infantil de Postais de Nadal para promover creatividade e uso do galego
O Concello do Porriño vén de anunciar a quinta edición do Concurso Infantil de Postais de Nadal, unha iniciativa dirixida á cativada de 3 a 14 anos para fomentar a creatividade, a expresión artística e o uso da lingua galega nestas datas festivas.
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e Normalización Lingüística e en colaboración coa OMIX, vén de presentar a quinta edición do Concurso Infantil de Postais de Nadal, unha iniciativa pensada para que a cativada porriñesa, de entre 3 e 14 anos, poida expresar a súa creatividade e celebrar o Nadal a través da arte e da lingua galega.
Tres categorías e total liberdade creativa
O certame está dividido en tres categorías por idade —de 3 a 6 anos, de 7 a 11 anos e de 12 a 14 anos— e anima ás nenas e nenos a elaborar unha postal física de temática navideña. As participantes poderán empregar ceras, acuarelas, colaxe, carbón ou mesmo materiais vexetais, quedando excluído o uso de purpurina.
A postal deberá incluír unha mensaxe en galego, valorándose especialmente o emprego de rimas, cantigas, refráns ou frases feitas propias destas datas. O formato máximo permitido será A5.
Entrega das obras e exposición pública
As postais deberán entregarse entre o 5 e o 26 de decembro, introducidas nun sobre pechado, na caixa de devolución de libros da Biblioteca Municipal do Porriño ou directamente na propia biblioteca.
Todas as creacións recibidas serán expostas ao público no Centro Cultural Municipal e tamén nas redes sociais municipais ao longo das festas do Nadal, permitindo que toda a veciñanza poida gozar das propostas artísticas da infancia porriñesa.
Xurado, premios e resolución
O xurado terá en conta a técnica creativa, o uso do galego e a composición xeral da obra, seguindo criterios adaptados a cada grupo de idade.
O concurso contará con tres premios por categoría, consistentes en lotes de material escolar. A listaxe de persoas gañadoras publicarase na última semana do ano e os premios entregaranse o 2 de xaneiro de 2026.
Unha iniciativa para fortalecer tradición e identidade
Desde a Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX anímase a toda a infancia do municipio a participar nesta proposta que fomenta a tradición, a creatividade e o orgullo pola lingua galega.
O Concello do Porriño avanzou, ademais, que este concurso forma parte dunha ampla programación de Nadal que se dará a coñecer nos vindeiros días e que incluirá actividades para toda a veciñanza.