O Porriño inicia obras urxentes na Gulpilleira para reparar danos da escorrentía da A-52
O Concello do Porriño puxo en marcha as obras de renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais no lugar da Gulpilleira. Esta actuación prioritaria busca solucionar os graves danos ocasionados pola escorrentía de augas proveniente da autovía A-52.
A acumulación de auga no punto de vertedura da infraestrutura estatal leva anos causando problemas na zona, con afundimentos, deterioro da calzada e movemento de muros, situación que empeorou coas recentes choivas intensas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou a necesidade desta obra, afirmando que era "absolutamente necesaria e que non podía esperar máis". Explicou que a decisión de usar fondos propios responde á prioridade do goberno local de garantir a seguridade dos veciños ante un problema "que ten a súa orixe nunha infraestrutura estatal construída sen prever os efectos no entorno".
O proxecto abrangue rúas municipais como Gulpilleira, Antonio Palacios e Fernández Areal. As intervencións inclúen a instalación de novas redes de pluviais con colectores de gran capacidade e sumidoiros, a substitución da rede de saneamento fecal, a renovación do sistema de abastecemento e a creación de canalizacións para iluminación pública e telecomunicacións. Ademais, reporase o firme en toda a área afectada, utilizando materiais axeitados a cada tipo de vía.