O Concello do Porriño comunica que a Xunta de Galicia ten aberto o prazo de inscrición no programa “Xuntos polo Nadal”, destinado a persoas de 60 anos ou máis que viven soas e desexan pasar acompañadas as festas de Nadal. O período para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 26 de novembro.
A iniciativa ofrece un total de 270 prazas, repartidas entre a Residencia de Tempo Libre do Carballiño (130 prazas para solicitantes das provincias de Pontevedra e Lugo) e a Residencia de Panxón, en Nigrán (140 prazas para persoas da Coruña e Ourense). O programa desenvolverase entre o 23 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026 e estrutúrase en tres quendas, das que só se poderá escoller unha:
-
Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días)
-
Do 23 ao 30 de decembro (8 días)
-
Do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días)
O programa inclúe aloxamento e manutención en pensión completa, transporte en autobús ás residencias e de regreso, así como actividades de animación sociocultural.
Requisitos e criterios de prioridade
Poderán participar persoas maiores de 60 anos empadroadas en Galicia, que vivan soas, se valan por si mesmas e non teñan con quen compartir estas datas. Terán prioridade na selección:
-
persoas que perderan o seu cónxuxe ou persoa convivinte nos últimos dous anos,
-
persoas de maior idade,
-
e aquelas que non participaran en edicións anteriores.
Como tramitar as solicitudes
As inscricións realizaranse preferentemente por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, aínda que tamén poderán presentarse presencialmente no Concello.
As persoas do Porriño que precisen axuda na tramitación poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais, onde recibirán información e apoio para cubrir a solicitude.
