O Porriño rendeulle este martes unha homenaxe institucional a Santiago Gómara, unha das figuras empresariais máis destacadas da historia industrial do municipio, coincidindo coa súa despedida profesional tras corenta anos de traxectoria á fronte da planta de Pescanova no Porriño.
Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo puxo en valor o papel de Gómara no crecemento e modernización da factoría —entón Frinova S.A.— e na consolidación do Porriño como un dos principais núcleos industriais da provincia. “Porriño e os seus empresarios tivemos a sorte de contar con Santiago Gómara, un gran xestor e un home preclaro na necesidade de impulsar a industria porriñesa e de comprender que o asociacionismo é fundamental”, afirmou o rexedor.
Licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Zaragoza, Gómara incorporouse ao grupo Pescanova en 1978 e asumiu a dirección da planta do Porriño en 1984, cargo que ocupou ata 2024. Ao longo destas catro décadas, foi unha peza clave na modernización das instalacións e nun modelo de xestión que converteu o centro nunha referencia do sector alimentario.
O seu compromiso co desenvolvemento industrial local quedou tamén patente no eido asociativo. En 1985 participou, en representación de Frinova, na creación da Asociación de Empresarios de As Gándaras, entidade clave na defensa dos intereses empresariais do polígono. Entre 2002 e 2024 ocupou a presidencia da asociación, coincidindo cunha etapa de crecemento na que Frinova pasou a integrarse como centro industrial de Nueva Pescanova, reforzando a súa posición estratéxica dentro do grupo.
A súa traxectoria excedeu o ámbito municipal. Foi presidente da Federación Galega de Parques Empresariais en dúas etapas (2004-2008 e 2010-2025) e vogal do comité directivo da Confederación de Empresarios de Pontevedra entre 2003 e 2015, contribuíndo á mellora da competitividade dos espazos industriais galegos e á coordinación entre empresas e administracións.
O Concello subliñou que a súa carreira profesional está marcada polo liderado, a visión estratéxica e unha aposta firme pola cooperación empresarial como motor de desenvolvemento económico. Coa súa xubilación, péchase unha etapa de profunda dedicación ao tecido produtivo local e autonómico, deixando como legado unha industria máis forte e preparada para os retos do futuro.
